Campionato Galego de Cross Largo 2017 (Ribadavia)

Primeira proba importante da tempada, xa que tocaría ir ata Ribadavia que sería a sede do Campionato Galego de Campo a Través, nun circuíto que a diferenza do ano pasado, tiñamos que dar un volta pequena de 1 km e logo catro de 2 km ata completar os 9 km, mentres que o ano pasado eran cinco voltas de 2 km cada unha ata os 10 km.

Os obxectivos serían axudar ao equipo en todo o posible e facer unha boa carreira para seguir mellorando.

Unha vez que cheguei tiven tempo de ver o principio da carreira das mulleres pero pronto me puxen a cambiar porque había que pasar por cámara de chamadas e poñerse a quecer.
Cando fomos chamados colocámonos no noso caixón, neste caso sería o 15 e a esperar que dera comezo a proba. Tras darse a saída, arranco con precaución e recordando que isto ía ser duro e que había que tomalo con calma, aínda así fago a primeira volta en 4:01 min polo que bastante ben.


Como me da a sensación de que todos me estaban adiantando e como é un deses días nos que hai que dalo todo, decido comezar a tirar. Así a segunda das voltas xa de 2 km fágoa en 7:16 minutos que equivale un ritmo de 3:38 min/km e ademais tiña moi boas sensacións pero sabía que ese ritmo non ía ser capaz de levalo seguido aínda que ía gañando posicións e moi centrado na carreira.


Na terceira volta xa comezaba a non conseguir gañar máis posicións e comecei a notar algo de cansancio pero seguía tirando forte para non perder postos, así a terceira volta complétoa en 7:33 minutos que supón un ritmo de 3:46 min/km. 


Na cuarta volta comezou o declive, aínda que por tempos xa ía empeorando dende o comezo, agora empezara a sentir o xemelgo dereito moi sobrecargado e en cada pisada estábame doendo bastante pero pensei para min "estamos nun campionato, hai que seguir tirando", fun un pouco máis tranquilo para ver se me pasaba e parecía que si. Agora o cansancio era evidente e as pernas xa comezaban a dicir basta e aínda faltaba un volta... Esta cuarta volta douna en 7:50 minutos que equivale un ritmo de 3:55 min/km. 


Comezaba a quinta e última volta e eu xa non daba máis, fíxoseme eterna esta volta e íame animando a min mesmo para seguir tirando, xa que estaba a perder moitos postos.
Ao final consigo chegar a meta apertando un pouco na recta final e facer o mesmo tempo que na volta anterior 7:50 minutos.

O resultado final foi:
  • Posición xeral: 99º de 209
  • Posición categoría: 82º
  • Tempo: 34:30 minutos
  • Ritmo: 3:50 min/km
  • Posición por equipos: 11º de 18
Os obxectivos cumpridos xa que conseguín axudar ao equipo e que non tiña moita confianza de logralo porque só puntuaban os 4 primeiros integrante e non esperaba estar entre eles, sendo o terceiro do equipo en chegar. En canto a ritmo e sensacións moi ben aínda que fora a menos conseguín manter un ritmo competitivo bastante tempo. O peor a sobrecarga do xemelgo que supoño que será por non estar acostumado a correr campo a través pero con estiramento e masaxes espero recuperar ben. 

🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Manuel Ángel Penas Blanco ........... 28:31
  2. (e) Nuno Costa Ribeiro Pinto .......... 28:33
  3. Manuel Hurtado Sanjurjo ................ 28:47
  4. David Santos Dominguez ................ 29:11
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Esther Navarrete Santana ................ 33:32
  2. Sandra Mosquera Losada ................ 34:20
  3. Leticia Fernandez Barbosa .............. 35:08
PD: Clasificación completa. Fotos cortesía de La RegiónRunPhotos GaliciaTito Picouto Fotografía. Moitas Grazas!!!

Tamén che pode gustar:

0 comments