Trail de Bealo 2017

Tras disputar onte a Carreira da Filloa - Subida ao Pico Sacro, hoxe tocaba volver a poñer as zapatillas de trail e desprazarme ata Boiro, máis concretamente a parroquia de San Ramón de Bealo onde se celebraba o Trail de Bealo, sobre unha distancia de 14 km e que sería a miña primeira participación nesta proba.

Os obxectivos serán:
  • Seguir gañando confianza no nocello.
  • Desfrutar do ambiente e da carreira.
  • Apertar o que dea para quedar o mellor posible.
Unha vez cheguei e atopo un sitio onde aparcar, vou cara o arco de saída pensando que alí se facía a entrega de dorsais pero cando chego, vexo que non hai nada nin ninguén, por sorte o último coche da organización estaba marchando e pregúntolle onde era a entrega de dorsais, como xa quedaba pouco tempo dime que suba con el no coche e me acercan ata onde se facía a entrega. O problema foi que deixei o coche a medio camiño por iso non atopara o lugar da entrega. 


Xa co dorsal, cámbiome e comezo a quecer un pouco mentres nos diriximos ao arco de saída para rematar o quecemento e a que se dera a saída da proba.
Colócome na zona media xa que a primeira metade de carreira era todo para arriba e ía haber tempo de recuperar posicións. Dáse a saída e comezamos por unha subida de asfalto onde comezo a gañar postos.


Pasamos pola zona de meta e uns metros máis adiante comezamos unha baixada pequena para logo adentrarnos nas pistas forestais e comezar a subir.


A subida pódese dividir en tres partes: 
  • A primeira era fácil de correr aínda que daba algo de pena ver como o lume arrasara esa zona e se vía todo queimado, unha verdadeira mágoa. 
  • A segunda parte da subida era máis técnica xa que había que ir en fila de un e por camiños onde baixaba auga e algunhas zonas onde estaba estancada e non sabías a profundidade do buraco polo que había máis posibilidades de provocar unha torcedura. 
  • Por último o camiño volvíase máis ancho para acabar de subir, onde xa non era tan técnico e se tiñas forzas podías subir correndo. 
Esa última zona recordoume a cando fixen a Subida do Angliru e subías máis alto cas nubes. Neste caso non eran as nubes pero estabamos máis altos ca néboa que había e non permitía contemplar ben as vistas.

Agora tocaba baixar un pequeno tramo que se agradecía para recuperar un pouco o alento xa que íamos polo km 5 e as pernas xa comezaban a cargarse de tanto subir. Nese momento adiántame Eduardo no seu quad e no que xa me anima. Este tramo era pequeno e logo toca volver a subir outro pouco pero que xa fago correndo e gañando algún posto.


Tras esta subida, teríamos que baixar entre as árbores e con coidado de non chocar contra elas e mirando onde se pisaba porque un dos voluntarios estaba avisando de que había buratos no chan pero que consigo baixar sen meter o pé en ningún e sen maiores problemas. Unha vez baixamos e saímos da zona de arbores alí estaba novamente Eduardo para sacar algunha foto e animarme novamente.

Volvemos a subir un pouco e eu xa estaba desexando que chegara a zona de baixar para ir a zona do río. Comezamos a baixar e chegamos ao avituallamento onde paso del e non collo auga, ao pasar polo voluntarios que estaban nun cruce onde se volvía a coller uns 100 metros de asfalto xa avisan que agora viña o divertido e que levara o flotador, a min deume a risa pero xa tiña ganas de chegar a zona do rio. 

Durante a baixada eu miraba cara atrás seguido porque ía só, ninguén por diante nin por detrás e tiña que ir mirando seguido se ía polo camiño correcto porque me parecía estraño que me quedara só pero ía ben seguindo as marcas laranxas, incluso me da tempo a pensar (cousa rara en min... jajaja) que xa sei para que se levan os xeles ou barritas porque nese momento comezoume a entrar unha fame... para o próximo trail vou ter que levar avituallamento propio e comer algo durante a carreira!

De repente empezase a escoitar o río polo que ía comezar o entretido. Chego a onde estaba unha voluntaria e me di que había que ir cara abaixo e con coidado, eu xiro e vexo o rio de fronte, levanto a vista e non vexo marcas nin nada e sen pensalo moito, tírome ao rio, cando escoito berrar a voluntaria "por aí non é, pegado ao río" e é entón cando vexo as marcas intento dar marcha atrás para saír do río que me cubría ata a altura do estómago, por sorte non era máis profundo porque non é que eu saiba nadar... saín do río como puiden, a catro patas e póñome de pé para seguir correndo, ríndome do que acababa de facer. Iso si, aí comezaron os problemas xa que no esforzo de saír do rio os xemelgos dixeron basta e estaba a punto de que me dera un tirón. 

A zona do río era preciosa, daban ganas de pararse a desfrutar mellor das paisaxes e do ambiente que había pero tiña que seguir, alí non podía quedar. Había voluntarios que ata axudaban a subir unha pedra a pesar de que había unha corda, el botábache a man para axudarche a subir.

Por fin chegamos a zona onde si que había que cruzar o rio, axudado dunha corda para non caer xa que era fácil perder o equilibrio porque alí o río levaba algo de forza.


Saímos e seguimos polo carón do río con calma xa que había que saltar de pedra en pedra e ter coidado coas raíces das árbores, chegamos a un muíño onde me paro porque non sabía por onde pasar, decido bordealo e xa vexo as marcas para continuar, tamén se podía entrar por el para pasar. Tras esa parada xa vía como me estaban a coller por detrás.

No momento no que tiñamos que saltar un regato pequeno véxome obrigado a parar e estirar porque os xemelgos dixeron basta, nese momento comézanme a adiantar pero sempre preguntándome se estaba ben e se podía continuar.
Sigo como podo e de repente outra vez a cruzar o río, desta vez sen corda, coa auga a altura dos cuadríceps, tras saír teño que volver a estirar e seguir con un ritmo máis tranquilo porque senón vía que non ía dar chegado. 

Abandonamos a zona do río e nos adentramos novamente no monte para dirixirnos cara a meta, onde o terreo aínda nos tiña preparado algunha sorpresa.


Unha das voluntarias avisa de que viña unha zona de moito barro que fóramos con coidado, eu pensaba que era unha zona onde era fácil patinar pero non que foras meter media perna no barro, algo que tiraba moito dos xemelgos e que apiques estiven de caer e de que me dera un tirón intentando saír desas "areas movedizas".



Tras abandonar o barro xa non quedaba nada, unha pequena costa onde miro cara atrás e vexo que non ía perder máis postos polo que me deixo levar os últimos 300 metros para chegar a meta e poñerme a estirar novamente.


O resultado final foi:
  • Posición xeral: 68º de 253
  • Posición categoría: 51º
  • Tempo: 1:19:28.
  • Ritmo: 5:41 min/km
Os obxectivos cumpridos, o nocello parece que me deixa correr ben, aínda que nalgún movemento me sigue doendo. Desfrutei moito da proba sobre todo cando se empezou a baixar cara o rio e a zona do río é espectacular. O único problema foron os meus xemelgos que lle chegou correr onte, volver hoxe sen adestrar nada en dúas semanas pero pouco a pouco haberá que ir recuperando o ritmo competitivo. 
Para o ano espero volver a disputar esta divertida proba, ata é posible que me anote ao circuíto das Trail Series porque menos a primeira proba que non puiden asistir porque coincidía co Campionato Galego de Cross Largo as dúas probas seguinte estiven presentes e espero estar na derradeira a finais de mes en Rianxo no Trail de Castro Barbudo.

Información técnica:
  • Distancia: 14 km
  • Desnivel +: 475 m.
  • Pendiente máxima: 25,8%
  • Pendiente media: 6,5%

🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Loís Rodríguez Boga ............ 1:02:26
  2. Andrés Fontenla Paredes ...... 1:03:25
  3. José L. Turnes Souto ............ 1:04:23
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Bea Amado ........................... 1:23:20
  2. Marlen Trucios Gomez ......... 1:23:36
  3. María Mareque Martínez ...... 1:25:41

Tamén che pode gustar:

0 comments