XI Interrunning Concello de O Porriño

Despois de un par de carreiras polo monte, tocaba volver ao meu "hábitat natural", o asfalto. Desprazarme ata O Porriño xa que se ía celebrar a XI Interrunning Concello de O Porriño sobre unha distancia de 10 km homologados, dando 2 voltas a un circuíto urbano e que vai ser a segunda vez que corra alí, sendo a primeira no 2015. Este ano a carreira rende homenaxe a muller corredora.

Os obxectivos serán:
  • Ao ser homologada, intentar baixar a MMP (Mellor Marca Persoal) na distancia que está en 36:55 minutos, aínda que chego con só un adestramento en tres semanas e acabando cargado nos xemelgos, pero hai que intentalo.
  • Desfrutar da carreira e do ambiente agradable, dunha organización que o dá todo coa proba.
Tras o madrugón poño rumbo ao Porriño e chego xusto para recoller o dorsal, cambiarme e poñerme a quecer mentres saúdo e falo cos compañeiros que vou atopando.
Colócome rápido no caixón de saída para non quedar moi atrasado, aínda que tampouco vou moito cara adiante por que chego nun estado físico non moi bo. 
Antes de darse a saída sacamos unha foto con algúns do equipo que alí estabamos e que aínda faltaban outros tantos pero estábamos todos dispersos. Tamén sube ao camión podio a Rondalla de Santa Eulalia de Mos para tocar a mítica canción de AC/DC, Thunderstruck. 


Dáse a saída e tras os primeiros 100 metros recibindo algún que outro codazo e con moita precaución para non caer, comezo a marcar un ritmo forte e a gañar moitos postos, ademais sentíame moi ben e parecía que os xemelgos se ían portar ben.


Así no primeiro punto de control situado no km 3,25 marco un tempo de 11:37 minutos que equivale un ritmo de 3:35 min/km, bastante ben para estar sen adestrar e intento seguir tirando xa que de momento me vía con forza.

Pasamos polo casco urbano, onde había moita xente e gaiteiros animando, onde gracias ao apoio do público consigo seguir tirando e que non decaia o ritmo. 


Encaramos a meta para facer o paso pola primeira volta e vexo o tempo 18:03 minutos, xa comezo a pensar en canto tería que dar a seguinte volta para baixar o meu tempo, valeríame con facela por debaixo de 18:52 minutos polo que comparando coa primeira volta teño uns 50 segundos cos que xogar por se cae o rendemento.


Tras o paso por meta sigo tirando, convencido de que podía baixar o tempo pero no cambio de xiro para volver cara a zona urbana, comezan os problemas. Empecei a notar as pernas cargadas e falto de forzas para volver arrancar, a maiores estaba o vento que sopraba forte e facía perder algo de tempo sobre todo a min que son peso pluma...

Paso de novo polo control de carreira e marco un tempo de 30:19 minutos que supón un ritmo de 3:41 min/km, claramente o rendemento estaba caendo, a falta de adestramento estábase notando e comezou a pasarme xente, aínda que eu intentaba seguir a todos os que me ían pasando, era incapaz de seguilos e pola miña cabeza xa non pensaba en dar baixado a marca.


Para sorpresa a miña cando fago o xiro para encarar a recta de meta e vexo o tempo 36:40 minutos, nese momento foi como se o cansancio non existise e recuperara todas as forzas, estaba a uns metros de conseguir baixar o tempo e comezo un sprint para intentar chegar por debaixo mentres non deixaba de mirar o marcador de tempo e finalmente, por uns segundos, consigo o obxectivo.


O resultado final foi:
  • Posición xeral: 106º de 1474.
  • Posición categoría: 33º
  • Tempo: 36:52 minutos.
  • Ritmo: 3:42 min/km.


Os obxectivos cumpridos, despois de case dous anos intentando baixar a miña marca persoal que fixera na Carreira de Riveira do 2015, consigo rebaixar a marca en 3 segundos. O sorprendente do tempo que fixen é que non o esperaba, xa que antes desta carreira só adestrei un día acabando cos xemelgos cargados e dúas semanas parado por unha torcedura de nocello, polo que acabei moi contento e con ganas de intentalo outra vez, parece que as probas de trail que estou facendo estanme vindo ben e con un pouco de adestramento podo baixar o tempo de novo.

En canto a carreira, para min todo perfecto non teño queixa de nada, o único tal sería o vento pero aí a organización non pode facer nada... jajaja. ¡Agora xa teño outra pedra máis para a colección! Para o ano volveremos a seguir baixando o tempo.


🏆 Clasificación xeral home 🏆
  1. Manuel A. Penas Blanco .......... 31:30
  2. Daniel Bargiela Araujo ............ 31:54
  3. Alejandro Álvarez Vázquez ..... 32:42
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Paula Mayobre González ......... 35:27
  2. Clarisse M. Pinho Cruz ............ 36:38
  3. Yolanda Gutierrez Robles ........ 37:02

Tamén che pode gustar:

0 comments