II Trail de Castro Barbudo

Toca regresar ao monte, e é que me está enganchando isto de facer trail pero tomándoos a modo de desconexión do asfalto xa que cando a cousa se volve máis técnica comezo a sufrir. 
Desprazámonos ata o Concello de Rianxo, máis concretamente ata Taragoña onde se disputaba o II Trail Castro Barbudo sobre unha distancia de 14,3 km.

Os obxectivos serán:
  • Desfrutar das vistas e do ambiente.
  • Intentar que non me pase nada, xa que das outras dúas probas que levo deste circuíto, no de San Isidro torcín o nocello e no de Bealo tireime a agua cando non tocaba e tiven que parar varias veces por mor dos xemelgos.
Unha vez chegamos ao lugar da saída, imos recoller o dorsal rápido xa que estaba a chover e fómonos cambiar. Desta vez volvín con Alberto que ía disputar o seu segundo trail e con un amigo deste que debutaba. 


Tras cambiarnos quecemos un pouco dentro no pavillón ata que anuncian por megafonía que hai que ir para a saída e sorpresa, xa non chovía. Fago uns cambios de ritmo para acabar de quecer e vou para a saída onde me coloco bastante adiante xa que nese momento tiña ganas de intentar quedar o máis adiante posible facendo unha boa carreira.


Dáse a saída e aínda que perdo uns postos na arrancada por ir con precaución, rápido os recupero e tras salvar un tramo pequeno de escaleiras xa nos metemos nas pistas forestais e comezamos a subir dirección Castro Barbudo.
A primeira parte da subida era por pista forestal e a segunda parte entre o medio das arbores, parte que sufrín porque non sei que me pasaba nun ollo que me empezou a chorar e non vía moi ben o camiño, ademais estaba escuro e aínda dificultaba máis mirar onde había que pisar.


Logo viña unha baixada pequena e non moi técnica para volver a meternos no medio do monte entre as árbores e seguir subindo ata Castro Barbudo, xa no km 3,4.
Tras deixar atrás Castro Barbudo, empezamos a baixar entre prados e algunha zona de árbores pero sen ser moi técnico, aínda que comezo a perder postos.


Pronto ía comezar o duro xa que tras baixar sobre 2 km, empezabamos a subir dirección o avituallamento situado no km 7,2. Cruzamos a estrada e comezamos unha subida por un amplo cortalumes no que se esvaraba moito. Tras subilo viña unha zona máis plana onde me quedo só, aínda que por detrás ao lonxe si que escoitaba como me perseguían.


Chegamos ao avituallamento e os corredores que viñan por detrás xa me deran caza. Ninguén colle auga pero nos advirten que agora viña unha subida forte. Uns metros máis adiante as palabras das voluntarias cobran máis sentido xa que foi mirar o que había que subir e pegarme a risa, menuda broma de subida, mirabas para arriba e non vías o final debido a néboa que había, ademais tiña moita pendente.
Comezo a subir como podo, en zonas esvaraban os pes e daban ganas de subir a catro patas (se cadra era máis fácil e rápido).
Chegamos arriba e collo aire, estaba a perder moitas posicións e o peor é que non estaba nada motivado, era como se estivera correndo por correr, sen ningún sentido. 
Tras un pequeno respiro seguimos subindo pero xa non tan duro como antes para chegar ao Alto da Cruz no km 8,9, é a zona máis alta do percorrido.


Agora só quedaba baixar e que baixada... xa non recordaba o que era tirarse polos cortalumes con todas esas pedras ameazando unha lesión pero non quedaba outra e vou tirando como podo. En zonas que vía máis tranquilo levantaba a cabeza para ver as incribles vistas da Ría de Arousa pero pouco as puiden desfrutar porque foi unha baixada rápida e bastante técnica. 

Os cortalumes acababan aí e volvíamos a zona onde tiñamos que cruzar a estrada pero en vez de volver polo mesmo sitio xiramos cara o outro lado, volvo a quedarme só polo que aparte de correr, tiña que ir mirando o camiño a seguir, aínda que a organización tiña todo perfectamente sinalizado e era imposible perderse.


Atravesamos unha aldea e saíndo dela si que me despisto un pouco e me paso de xiro pero rápido rectifico ao ver o lonxe a cinta que marcaba o camiño. Volvemos cara o monte e as pistas pero agora xa o terreo era todo favorable e rápido.


Quedaba unha última zona técnica baixando polo medio das árbores e con algún desnivel importante pero que se levaba ben sobre todo ao ritmo que estaba a ir.


Tras abandonar esa zona volvíamos a pista forestal do comezo e so quedaba correr sen maior complicación e onde podía recortar un pouco pero o corredor que ía por diante estaba lonxe e era imposible alcanzalo aínda así aperto un pouco para non perder máis postos e só quedaba subir as escaleiras que ao comezo da proba baixamos para encarar a meta.


O Resultado final foi:
  • Clasificación xeral: 55º de 228.
  • Clasificación categoría: 40º.
  • Tempo: 1:22:14
  • Ritmo: 5:46 min/km

Os obxectivos non sei como cualificalos porque si desfrutei das vistas, a pesar da néboa que había e conseguín chegar enteiro pero as sensacións que tiven gran parte da carreira non foron boas, estaba correndo sen ganas, incluso pensando que era mellor estar na casa a beira do lume e non me gustou nada esa sensación, non sei se foi o cambio de hora que me afectou ou o tempo chuvioso e frío que estivo facendo pero nunca me pasara algo así e iso que levo xa unhas 139 carreiras con esta.


Información técnica:
  • Distancia: 14,3 Km
  • Desnivel +: 678 m.
  • Pendiente máxima: 34,4 %
  • Pendiente media: 8,6 %

🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Jose A. Gómez Rios ............ 1:05:11
  2. Jose Canda Louzao .............. 1:06:21
  3. Loís Rodríguez Boga ........... 1:08:46
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Bea Amado .......................... 1:29:51
  2. María Mareque Martínez ..... 1:30:04
  3. Beatríz Barroso Pérez .......... 1:30:51
Para rematar agradecer a organización e voluntarios do Circuíto Arousa - Revolutrion Trail Series polo gran traballo que fixeron nas probas que participei que foron 3 de 4, sempre animando ao pasar e sacando fotos para que teñamos un recordo da proba e ver como íamos sufrindo.
Un pracer poder participar en probas nas que se dá tan bo trato ao corredor polo que para o ano é posible que me inscriba no circuíto e intentar facer algo agora que xa coñezo as probas (menos a primeira).

Tamén che pode gustar:

0 comments