V Media Maratón do Carballiño

Volvo a esa distancia que empeza a poñerte no teu sitio e que se non chegas preparado sabes que toca sufrir e así me pasou o ano pasado en Pontevedra e é que dende a Media Maratón de Pontevedra non volvía correr unha media, nin gañas tiña despois de pasalo mal pero como necesito km's nas pernas e facer tiradas largas para intentar buscar o próximo obxectivo, decido ir a V Media Maratón de O Carballiño, no que teríamos que dar tres voltas a un percorrido ata completar a distancia.

Os obxectivos serían:
  • Rodar, sen buscar ningún tempo.
  • Intentar quedar o mellor posible xa que se vai competir por equipos.
  • Desfrutar dunha carreira que por oídas é bastante dura.
Unha vez chego, vou recoller o dorsal e por primeira vez teño o dorsal con un número tan baixo xa que me asignaron o nº 2, ¿Sería a posición na que ía quedar? ¿Sería un sinal?. 
Cámbiome mentres saúdo aos compañeiros de equipo que ían participar e póñome a quecer un pouco, tampouco moito, xa haberá tempo durante a carreira.

Colócome na zona media para pouco a pouco ir gañando posicións e como son tres voltas propóñome facer a primeira para ver como é o terreo xa que todos dicían que era dura e segundo vexa como é cada volta apertar máis ou menos nas seguintes.
Dáse a saída, arranco ben sen moitos problemas, tranquilo pero gañando xa algunha posición.


Intento levar un ritmo cómodo para ir vendo o percorrido que teríamos que dar no que a primeira parte e favorable por asfalto, unha zona do paseo por terra para volver ao asfalto baixando, facer un cambio de sentido para comezar a subir un bo cacho ata que baixamos por unha zona onde o terreo está complicado xa que hai moitos buracos e é fácil pisar mal, volvemos a subir uns 200 metros para logo volver a baixar e acabar a volta subindo ata a meta.
Nesa primeira volta gañei moitos postos e para min ía a un ritmo cómodo, sin facer moitos esforzos e dou a primeira volta en 26:46 minutos que equivale un ritmo de 3:50 min/km.


Na segunda volta intento ir un pouco máis rápido e seguindo a estratexia de ir a polo seguinte corredor que me fai gañar varios postos.
Xa non recordo cando foi a última vez que collín agua nunha carreira pero hoxe fíxome falta, estaba a facer algo de calor e precisaba refrescarme polo que, no punto intermedio onde tiñan auga collo a botella para tirarma pola cabeza e intentar beber, como non estou a feito a piques estou de atragoarme, por sorte non pasou nada e continuo, acabando esta segunda volta en 27:36 minutos que equivale un ritmo de 3:56 min/km peor que na primeira pero as costas xa se me comezaban a facer moi longas.


Comezo a terceira e última volta intentando reservar algo para a subida e na zona do paseo adiántame un compañeiro de equipo, dime que me enganche a el e intento pero 500 metros despois comezo a notar as pernas moi cargadas e decido levantar o pé e ir máis tranquilo porque senón sabía que podía non dar acabado.
A partir de aí comezaron seriamente os problemas, a parte que quedaba era case todo subir. Os corredores que viñan por detrás comezáronme a pasar sen ser capaz de seguilos, notaba as pernas como se foran dúas pedras, sen forza nin axilidade, dábame a sensación de que non me movía do sitio e que era mellor botarse a andar pero vou resistindo como podo, mirando cara atrás seguido para ver canto estaba perdendo e consigo acabar a carreira dando a última volta en 30:26 minutos que equivale un ritmo de 4:20 min/km.


O resultado final foi:
  • Clasificación xeral: 26º de 175.
  • Clasificación categoría: 8º.
  • Clasificación por equipos: 2º.
  • Tempo: 1:24:58
  • Ritmo: 4:02 min/km

Os obxectivos cumpridos xa que non viña con intención de buscar ningún tempo e a pesar de que sufrín moito máis do que pensaba (tiña razón esa xente que dicía que era unha carreira dura) quedei contento co resultado e puiden axudar ao equipo a conseguir ese 2º posto.
Agora a seguir adestrando e sumar km's para que chegado o momento poida intentar baixar a miña marca na Media Maratón.
Remata a carreira e unha vez desprazados no Carballiño non hai mellor avituallamento que mardarlle un bo polbo a feira.


🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Luis Iglesias Raña ......................... 1:14:06
  2. Jose M. Corral Justo ...................... 1:14:26
  3. Víctor H. Pacheco Martínez .......... 1:16:27
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. María Ferreiro López ..................... 1:36:19
  2. Laura Núñez Naveira ..................... 1:37:36
  3. Felicidad López Arnau .................. 1:39:58
PD: Clasificación completa. Fotos cortesía de Erik de Limiactiva e Atletismo Arenteiro. Moitas Gracias.

Tamén che pode gustar:

0 comments