I Trail Bisbarra do Sar

Como engancha isto de correr polo monte e é que novamente vou participar noutro trail. Desta vez desprázome ata Padrón onde se ía celebrar o I Trail Bisbarra do Sar sobre unha distancia duns 15 km polo monte Meda.

Os obxectivos serán:
  • Seguir sumando km's para gañar resistencia e forza nas pernas de cara o obxectivo de Maio (en breves confirmación xa que está todo no aire).
  • Desfrutar da carreira e ambiente.
  • Intentar chegar enteiro porque tras ver o video do percorrido vai ter uns sitios bastantes técnicos.
Cando chegamos imos recoller o dorsal ao pavillón, ímonos cambiar para dirixirnos ao lugar da saída e poñernos a quecer un pouco que xa ía ser a hora de saír.


Colócome na saída bastante adiante aínda que sabía que os primeiros km's eran llanos e ía dar tempo a poñer a cada un no seu sitio mentres se estira o grupo antes de chegar ao monte.


Así foi os primeiro km foron polo casco de Padrón e Lestido mentres nos dirixiamos cara Herbón onde comezaba o monte. Nesta zona era case todo asfalto e algún camiño de terra.

Quédome situado nun segundo grupo onde os de cabeza xa non se vían pero chegando o km 2,5 vemos como o grupo de cabeza volve cara atrás xa que se equivocaron nun cruce. Aínda así continuaban diante e pouco a pouco volveron a desaparecer xa adentrados plenamente no monte. Eu levaba un ritmo conservador, reservando para subir os cortalumes pero ben situado.

Tras cruzar o primeiro monte temos que adentrarnos nun túnel para pasar por debaixo da estrada e ir correndo medio agachado, o saír escalar un muro de pedras que se salva con facilidade. Aquí un coche dos que pasaba pola estrada grítanos "¡se fora para traballar non vos habiades levantar!" hai xente para todo.

Cruzamos subindo por unha zona onde se estaban replantando árbores ata chegar a outra pista que nos levaba a cruzar outra estrada por encima e seguir baixando e llaneando ata que nun momento xiramos cara o monte e comezamos a subir xa polo km 4.

Dende o km 4 ata o 5,5 estivemos subindo continuamente e case todo o tempo entre toxos, cando pillaba flor non rascaban moito pero cando non... deixáronme os brazos e pernas bonitas.

Baixamos 500 metros para recuperar un pouco o alento e relaxar pernas ata chegar o duro da carreira subir os catro cortalumes para chegar a zona máis alta da carreira. O caso foi que me sentín con forza e funos subindo bastante ben sen notar moito cansancio. Subimos tres seguidos e tras rematar o terceiro viña unha zona que bordeaba o cumio, llano e algo de baixada que veu moi ben para recuperar e afrontar a última subida e chegar así a zona máis alta dende onde estaba o avituallamento líquido e sólido e se podía observar Padrón, Rois, a desembocadura do Rio Ulla na Ría de Arousa e supoño que máis lugares pero non me deu tempo a mirar moito máis que tocaba baixar e que baixada...

Xusto antes de baixar un voluntario/organizador estaba avisando que tiveramos coidado coas pedras xa que se patinaba e así foi, nada máis pisei nas pedras xa quixen esvarar, rapidamente botei a man o chan e a baixar a rastras. Pasadas esas primeiras pedras xa se podía baixar un pouco mellor e aínda que non é meu forte, baixei bastante rápido pero perdendo algún posto.


Baixamos dous cortalumes seguidos, pasando de estar a 500 metros de altura a 380 metros para seguir por unha pista de terra que nos levaría ata os seguintes cortalumes para seguir baixando xa no km 10.


Estes últimos eran menos técnicos e ao levantar a cabeza vías como había que baixar e logo volver a subir un pouco formando unha especie de U para logo chegar a baixada que menos me gustou e para min máis técnica polo medio do monte xa que non sabía moi ben onde estaba pisando, as pedras movíanse e perdías o equilibrio, moita rama solta que se me metía entre os pes e algún tramo no que tiñas que saltar para salvar o desnivel pero por sorte consigo saír do monte a pista sen que me pasase nada e comezar a marcar un ritmo forte como se estivera correndo en asfalto.

Ata volver pasar por encima da estrada onde nos volviamos adentrar no monte pero só un 300 metros e onde si que notei que me faltaba poñer algunha cinta máis porque non sabía moi ben cara onde tiña que tirar.

Saímos do monte e xa nos encontramos con asfalto e camiños onde volvín a correr rápido, algo que me sorprendeu xa que seguíame notando moi ben, sen cansancio. Houbo unha última zona "complicada" onde se tiña que cruzar un regato, por onde había que cruzar había verdín e humidade, polo que se esvaraba moito e houbo varias caídas nesa zona por sorte e pasei ben pero con un pequeno resbalón sen consecuencias.

Xa no casco a 500 metros da meta había unha serie de cruces nos que a piques estiven de perderme xa que seguía recto pero como non vin ningunha cinta nin marca volvín cara atrás e xa viña protección civil para dicirme que non era por aí e puiden continuar e chegar a meta sen perder ningún posto máis.

O resultado final foi:
  • Posición xeral: 15º de 88.
  • Posición categoría: 12º
  • Tempo: 1:27:49
  • Ritmo: 5:52 min/km

Os obxectivos cumpridos, desfrutei moito da proba e seguro que repito, conseguín chegar enteiro a pesar de que xusto cando crucei a meta e me vin as pernas con sangue cheas de cortes, arañazos dos toxos sorprendinme pero no trail é o que toca. 
O avituallamento final perfecto, tiñas de todo para repoñer forzas incluso coa inscrición dábanche despois de xantar e como íamos ir ata a praia pois xa aproveitamos e a comer.


Información técnica:
  • Distancia: 15 km.
  • Desnivel +: 600 m.
  • Desnivel acumulado: 1200 m.

🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Lois Rodríguez Boga ................... 1:16:46
  2. Juan Díaz Iglesias ........................ 1:16:52
  3. Miguel A. Carmona Araujo ......... 1:18:44
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Natalia Sierpes Pereira .................. 1:49:24
  2. Beatriz Barroso Pérez ................... 1:49:45
  3. María D. Munín García ................. 1:50:33
PD: Clasificación completa. Fotos cortesía da organización e colaboradores. Moitas Gracias

Tamén che pode gustar:

0 comments