III Trail Península do Grove

Pois toca facer o último trail deste mes antes de regresar ao asfalto e acabar a preparación para a carreira de Maio, xa que tras 2 anos intentando ir e incluso o ano pasado paguei a inscrición pero a lesión non me deixou ir, xa podo confirmar que este ano estarei na Wings For Life World Run en Valencia pero antes de ir aínda quedan un par de carreiras para seguila preparando.

Para o último trail despraceime ata O Grove onde se celebraba o III Trail Península do Grove sobre unha distancia de 22 km e un perfíl a priori fácil menos na parte final que había unha montaña. 
Dicir que esta proba ten un carácter solidario xa que parte do recaudado irá destinado a Asociación Fenilcetonúrica y OTM de Galicia (ASFEGA) e a Solidariedade Galega co Pobo Saharaui (SOGAPS). 

Os obxectivos serán:
  • Desfrutar da carreira, ambiente e entorno xa que iremos por zonas de protección natural.
  • Intentar reservar forzas para a parte final onde está o Monte Siradella.
  • Intentar parar nos avituallamentos xa que non estou afeito e en Valencia vou ter que parar polo que haberá que ir adestrando tamén eses puntos.
Unha vez chegamos e consigo aparcar, diríxome a recoller o dorsal, onde me vou atopando con compañeiros de equipo e de carreiras. Tras deixar a bolsa do corredor no coche, volvo cara a saída quecendo cun compañeiro de equipo e cando chegamos, atopámonos co resto do equipo xa preparados para saír.


Colócome na saída non moi adiante xa que ía haber tempo suficiente para remontar e correr, ademais quería reservar algo para cando chegara o monte. Así tras unha conta atrás arranca a proba, onde saio bastante ben e aos poucos metros xa comezo a gañar postos.


Comezamos por un tramo de asfalto pero logo nos meteríamos na praia para subir por unhas escaleiras e seguir por un sendeiro bordeando a costa. Por aí poucos postos gañei xa que ía con coidado de pisar mal porque estaba a probar as gafas en trail e nas zonas de sombra custábame máis ver con claridade.


Unha vez que o terreo se empeza a ensanchar e se pode correr máis libre comezo a remontar postos seguindo a estratexia de ir a polo seguinte corredor, recuperar e volver a atacar.
De vez en cando perdía algo de tempo para contemplar o paisaxe que ben o merecía e unha vez alí había que aproveitar.


A partir de aí viñan uns km's todo o tempo de sendeiros bordeando a costa, algunha zona de asfalto, pasarelas de madeira, algunha zona empedrada e praia. Con estas últimas non contaba, bueno minto, si que sabía que ía haber que correr pola praia pero non tantas veces e que cando se ía cerca da beira do mar aínda se corría ben pero cando había que saír e corrías pola area solta había que facer un gran esforzo físico, tamén algún dos sendeiros tiña area solta e custaba moito avanzar (que duro ten que ser correr a marathon des sables).
Polos sendeiros que ían pola costa, deixo pasar ao corredor que me perseguía do Atletismo Cambados xa que o sentía moi preto e eu non daba apertado máis por esa zona polo que deixo que me adiante e póñome a intentar seguilo. Na seguinte zona de praia imos falando xa que se me notaba que non era corredor de trail e el tampouco porque íamos con "medo/precaución" nas baixadas e decido seguilo ata onde dea.
Antes de chegar ao monte Siradella estaba o segundo posto de avituallamento, onde sen perder moito tempo collo un anaco de laranxa, cómoa e sigo a carreira.


Así foi como, cando cheguei a zona do Monte Siradella, polo km 14, tiven que baixar ritmo, coller aire porque levaba as pernas nas últimas e perdo a referencia do compañeiro do Atletismo Cambados. Veume ben chegar ao monte para recuperar e nas subidas botarme a andar xa que recuperei bastante para chegar a subida máis dura da carreira e que se me fixo interminable pero pouco a pouco foise subindo e ao chegar arriba estaba o outro posto de avituallamento, desta ves só liquido pero necesario para encarar a baixada.


Os últimos dous km's o terreo volvía a ser "plano" e intentei aumentar o ritmo pero nunha pequena subida onde había unha corda para subir o esforzo fixo que nada máis chegar arriba o xemelgo dereito me dera un aviso e quíxome dar un tirón polo que me paro uns segundos a estirar mentres o voluntario de protección civil que alí estaba me animaba a seguir xa que non quedaba nada.
Como tiña medo de que o xemelgo me volvera protestar, perdín unha par de posicións nese tramo e cheguei a meta sen forzar máis da conta, onde me estaba esperando un compañeiro do Atletismo Fontes do Sar que me adiantou neste último tramo.


O resultado final foi:
  • Clasificación xeral: 15º de 158
  • Clasificación categoría: 15º
  • Tempo: 1:48:41
  • Ritmo: 4:57 min/km
Os obxectivos cumpridos, aínda que cheguei bastante tocado ao monte Siradella, din recuperado algo de forzas para rematar bastante ben e sorprendido coa posición porque se chego a aguantar o ritmo do compañeiro co que fun en carreira podía acabar entorno a 9º posición, aínda así non perdín moitas posicións e quedei bastante sorprendido do rendemento conseguido. 
No obxectivo de parar nos avituallamentos bueno, no primeiro non parei porque non me facía falta nese momento pero despois fíxoseme moita espera ata o segundo onde si parei e no terceiro tamén polo que ben, aínda que despois das paradas non me sentía cómodo co estómago.

En canto a carreira, espectacular, vistas incribles, correndo por zonas de protección natural e que poucas veces se van poder desfrutar, a organización perfecta, aínda que houbo varios intentos a perderme sempre había algún voluntario que che dixera que ese non era o camiño, avituallamento final, intermedios e bolsa do corredor perfectos. 
Seguramente para o ano intente volver ser da partida xa que a carreira está moi ben e espero chegar mellor de forma para intentar quedar mellor.

Información técnica:
  • Distancia: 22 km
  • Desnivel +: 600 m.
  • Pendente máxima: 36,6%
  • Pendente media: 4,2%

🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Maikel Rodríguez Domínguez ..... 1:34:35
  2. Rubén Rodríguez Vidal ................ 1:38:08
  3. Sergio Requeijo Requeijo ............ 1:39:17
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Laura Núñez Naveira ................... 2:07:17
  2. Esther Castro Linuesa .................. 2:09:01
  3. Lucía Requeijo Requeijo .............. 2:12:25
PD: Clasificación completa. Fotos cortesía de Voluntarios para o Clube Deportivo Ría de Arousa O Grove e Sé Senande. Moitas Gracias!!

Tamén che pode gustar:

0 comments