IV Carreira Camiño das Letras

Con esta carreira ía facer dúas probas no mesmo fin de semana despois de correr onte os 5K Festa do Salmón de A Estrada e aínda que me notei sen ritmo por non estar recuperado da Wings for Life World Run, quería estar nesta edición da Carreira Camiño da Letras xa que cambia de percorrido e que teríamos que completar unha distancia duns 15 km's que une o Pico Sacro coa Cidade da Cultura todo polo Camiño de Santiago e que foi a etapa que fixen o ano pasado, polo que o percorrido máis ou menos era coñecido e ía tocar sufrir.

Os obxectivos serían:
  • Sumar km's para recuperar sensacións.
  • Desfrutar da carreira e do Camiño a Santiago.
Había autobuses que te levaban dende a meta na Cidade da Cultura ata a saída no Pico Sacro pero como a saída me quedaba de camiño, decido ir directo e así podo durmir un pouco máis.
Chegado ao Pico acabo de cambiarme e quedo no coche esperando que sexa a hora de poñerse a quecer e é que alí arriba sopraba bastante aire frío. Vou quecer cuns compañeiros de carreiras dando unhas voltas arredor do Pico polo que quecín facendo un pouco de trail.
Colócome na saída practicamente adiante de todo para evitar a aglomeración e tropezos xa que saiamos nunha forte baixada.


Dáse a saída e arranco ben, demasiado ben diría eu xa que ía co grupo de cabeza e indo a uns ritmos moi rápidos, íamos baixando pero moi rápido. 
Tras a forte baixada, seguimos baixando pero xa máis tranquilos e o grupo de cabeza pouco a pouco vaise distanciando mentres eu me quedo no grupo de perseguidores.


Pasamos sobre 5 km baixando ata chegar a altura de A Susana onde hai un cambio no camiño que non coñecía e é que agora xa non se vai pola xeral pero a cambio hai unha forte subida para despois seguir baixando outros 2 km aprox., se a carreira acabara aí pois estaría no podio xa que segundo as miñas contas ía 8º e así fun ata que tocou subir Santa Lucía cara Angrois por un camiño de terra, que me custou moitísimo sacar forzas para subir e comecei a perder postos sen ser capaz de seguirlles o ritmo e aínda que un deles foi un compañeiro de equipo que me animou eu xa estaba sen forza e quedaban 3 km todo o tempo subindo...


Por se non fora pouco, en Angrois comézame a dar flato (un punto) e aínda teño que ir máis tranquilo para ver se me pasaba, outro dos corredores que me pasa anímame a seguir ao verme que ía mal. 

O flato pásame a falta de 1 km para a meta na subida a Cidade da Cultura pero como por diante era imposible que gañase ningún posto e tras mirar varias veces cara atrás e ver que non viña ninguén, subo a última costa correndo e andando para non castigar máis as pernas e chegar a trote a meta mirando o tempo que fixen.


O resultado final foi:
  • Posición xeral: 13º de 235.
  • Posición categoría: 5º
  • Tempo: 1:03:09
  • Ritmo: 4:12 min/km
Os obxectivos cumpridos, aínda que a parte final sufrín e tras ver a clasificación darme de conte que ía en postos de podio e que o perdín nos últimos 3 km, quédome satisfeito co rendemento e de ir recuperando as boas sensacións que non tiven onte en A Estrada. Ademais desfrutei moito do percorrido xa que ao ir polo Camiño de Santiago había peregrinos e todos nos animaban, algo que se agradece moito.

En canto a carreira para min foi todo perfecto pese a ler comentarios sobre o avituallamento intermedio no que ao parecer se quedaron sen auga para os corredores a min non me influíu, cando eu pasei si que había pero non collín auga como fago habitualmente, a non ser que faga moita calor. Espero que para o ano sexa o mesmo percorrido para intentar facer o percorrido por debaixo da hora e que eses erros que tiveron se solucionen pero que con levar máis auga xa está.

Información técnica:
  • Distancia: 15 km aprox.
  • Desnivel +/-: +300m. / -500m.
  • Pendente +/-: +14% / -23%

🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Pedro Nimo del Oro ..................... 54:56
  2. Victor H. Pacheco Martínez ......... 55:02
  3. Luis Calvo Castro ........................ 56:25
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Elisabet Cordeiro Blanco ............. 1:11:17
  2. Laura Núñez Naveira ................... 1:11:34
  3. Cristina Carril Boo ....................... 1:16:11
PD: Clasificación completa. Fotos cortesía de Carreira Camiño das LetrasPaco Rodríguez para La Voz de Galicia. Moitas gracias.

Tamén che pode gustar:

0 comments