I Dubra Trail

Despois de correr onte a Nocturna Estradense, hoxe despraceime ata o Concello de Val do Dubra, concretamente ata Benbibre, onde se ía celebrar o I Dubra Trail sobre unha distancia de 16,2 km na distancia corta que era a que eu ía facer, aínda que cada vez teño máis ganas de enfrontarme a distancias máis longas.

Hoxe non ía disputar o trail só, xa que tras unha semana de adestramento a meu pai metéuselle na cabeza que xa estaba para correr e calquera lle leva a contraria, polo que aínda que eu insistín en que fixera a andaina primeiro e seguira adestrando, non houbo maneira de facelo cambiar de idea e tiven que inscribilo a carreira a ver se polo menos acaba...

Os obxectivos serían:
  • Intentar facelo o mellor posible aínda que hai a opción de que acompañe a meu pai sempre que queira pero sei que non vai querer.
  • Desfrutar das vistas e natureza.
Unha vez chegamos a zona da saída, recollemos o dorsal e facemos tempo ata que sexa a hora de poñerse a quecer e cambiarnos. Xusto antes de que se dera a saída para o trail longo, cambiámonos e sacamos a foto do antes e poñémonos a quecer un pouco.
Non sei o motivo polo que nos trail apenas quezo, uns minutos de trote, exercicios de mobilidade nos nocellos e listo.


Antes de arrancar pregúntolle se quere que vaia con el pero dime "ti corre que eu xa chegarei". Colocámonos na saída e tras a charla sobre os sinais que nos íamos atopar, comeza a contar atrás e arrancamos.

Os primeiros metros eran por asfalto ata coller unha pista de terra a uns 500 m. onde quedo ben situado, non co grupo de cabeza pero si cos perseguidores.

No km 2 aprox. viña a primeira subida onde aínda que intento non andar non tiven máis remedio xa que non daba adiantado ao corredor que levaba por diante e tampouco quería gastar as forzas ao comezo e chegar desfeito a meta polo que manteño posición e vou aguantando o momento para adiantar.

Comezamos a baixar e vexo que se empezan a escapar varios corredores do grupo que estaba, polo que me vou detrás deles aguantando o seu ritmo ata que tras acabar de baixar e comezar a llanear pegado ao rio, comezo a atoparme cómodo e vounos deixando atrás pouco a pouco.

Chegamos ao km 5 aprox. onde empeza unha subida forte de 1 km aprox. que intento facer correndo pero os cuadríceps non quixeron e toca andar un pouco, iso si, andar a ritmo rápido. Nesa zona perdo un posto e aínda que tras acabar de subir intento acercarme ao corredor non son capaz e perdoo de vista. Tras esta subida viña un pequeno descanso e seguimos subindo un pouco máis ata cerca do km 7,5. A partir de aí viña unha baixa forte cara a Fervenza O Rexedoiro onde estaba situado o primeiro avituallamento do cal decido non parar, atopábame ben e a temperatura era boa polo que a seguir correndo.

Deixado o avituallamento atrás viña posiblemente unha das zonas máis técnicas do percorrido xa que íamos pegados ao rio e tivemos que cruzalo por unhas pedras esvaradías e seguir polo monte onde non se sabía moi ben onde se pisaba e apiques estiven de caer varias veces. Comezamos a subir pola ladeira e case se subía mellor as catro patas pero ao poñer as mans resultou que había moitas silvas e acaban pinchando... A subida foi das máis duras e fíxena case toda andando e só xa que miraba cara atrás e non viña ninguén e por adiante tampouco ata acabar de subir onde adiantei a corredores do trail longo. 

Remata esa subida xa íamos polo km 9,5 e agora seguía tocar subindo pero xa máis levemente pero como as forzas xa estaban escapando fago tramos andando e outros correndo para non perder moito tempo. 
Así vou ata o km 11 onde comezaba a baixada que duraría 1,5 km ata volver chegar a zona do rio e onde xa había carteis de perigo. Cando vin o cartel pensei para min, "a ver que ven agora" e nese momento piso mal e alá vai o nocello por sorte non o torcín moito pero un bo susto. Seguimos con calma xa que había que sortear ramas, árbores e pisar ben para ir de pedra en pedra ata chegar ao segundo e último avituallamento do que tamén paso xa que estabamos no km 14 e só restaban 2,2 km para chegar a meta. 
Como anécdota ao chegar ao avituallamento, estaba o cruce para os que ían ao trail longo e ao corto e eu non vira os carteis cando me di o voluntario que alí estaba "¿para o trail largo ou corto?" e lle contesto "Para o corto, que me chega ben" e nese momento bótase a rir.


Deixo o avituallamento atrás e comeza unha unha subida onde volvo a poñerme a andar, nese momento alcánzame un corredor que me di "veña que xa vou contigo ata meta". Empezo a correr de novo mentres imos falando da carreira. Nun momento estou por dicirlle que tire el que eu non daba máis e é que notaba o xemelgo que me quería subir pero por sorte quedouse no sitio e tranquiliño. 
Xusto antes de chegar a meta, cruzamos o rio de novo pero desta vez había que mollarse si ou si pero pensei que tamén viña ven xa que así xa lavabamos as zapatillas. 


Encaramos a recta de meta mentres discutiamos quen pasaba primeiro e finalmente queda el por diante co mesmo tempo ca min.


O resultado final foi:
  • Posición xeral: 12º de 95.
  • Posición categoría: 11º
  • Tempo: 1:35:08
  • Ritmo: 6:20 min/km
Os obxectivos cumprido, fixen a proba o mellor que puiden sabendo que o monte non é o meu forte e que o día anterior estiven participando noutra proba ademais desfrutei moito do percorrido, rápido e coas súas zonas un pouco máis técnicas pero que é propio para a xente que quere facer o seu primeiro trail incluso se poden ver unhas boas paisaxes.

En canto a meu pai finalmente tamén chegou e sorprendeume bastante sabendo que só levaba unha semana adestrando e conseguindo o seguinte resultado:
  • Posición xeral: 62º de 95.
  • Posición categoría: 21º
  • Tempo: 2:07:17
  • Ritmo: 8:29 min/km

Información técnica:
  • Distancia: 16,2 km.
  • Desnivel +: 450 m.

🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Rubén Martínez Mayo ..................... 1:17:06
  2. Víctor M. Seijas Folgueira .............. 1:19:00
  3. Alberto Carou Carril ........................ 1:19:33
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. María Mareque Martínez ................. 1:46:05
  2. Eva de la Fuente Iglesias ................. 1:57:36
  3. Vanesa Pérez Castelao ..................... 2:01:34
PD: Clasificación completa. Fotos cortesía de Dubra Team. Moitas gracias.

Tamén che pode gustar:

0 comments