I Trail NaturFest

Última proba e comezarei a preparar o Campionato Galego de Media Maratón que se celebrará en Riveira o 10 de Setembro.
Despraceime ata o Concello de Rois, concretamente ata o entorno da Ermida de Soutullo en Quintáns-Urdilde onde se celebraba o I Trail NaturFest organizado por Chorima sobre unha distancia de 14 Km.

Os obxectivos serían:
  • Desfrutar da última proba, natureza e entorno.
  • Intentar saír forte e tirar ata onde aguante xa que nos trails sempre vou con máis coidado e este a ser antes do parón de verán podo probar a ver que sae.
Tras conseguir chegar a zona de saída na que debín ir polo camiño máis longo e con máis curvas que había, recollín o dorsal e fago tempo ata que foi a hora de poñerse a quecer un pouco. Aínda que o día estaba anubrado e caía algo de auga, facía calor polo que en carreira se ía esperar unha gran humidade no ambiente.

Cando faltaban 15 minutos para a saída, póñome a quecer facendo os primeiros metros da proba na que se ía saír con unha longa baixada, algo que me ía penalizar pero a ver se conseguía colocarme ben e intentar non perder moitos postos.

Consigo colocarme bastante ben, aínda que sabendo que eu baixando non son moi bo, decido atrasarme un pouco para que os que baixan como se non existira un mañá, non me leven por diante.


Dáse a saída e efectivamente vou perdendo postos pero en canto se empeza a estirar todo, comezo a gañar de novo as posicións e iso que aínda seguiamos baixando. 


Tras a primeira baixada duns 500 m. aprox. comezamos a subir de novo para cruzar por unha aldea e volver a baixar cara o monte onde xa comezaba o duro desta proba xa que agora tocaba subir continuamente, onde intentei correr seguido e non botarme a andar. Isto fixo que quedara no grupo perseguidor da cabeza. Ía tirando ben, intentando chegar ao seguinte grupo pero pouco a pouco se me foron escapando e non conseguir velos debido a gran cantidade de néboa que había na zona.

Polo km 4 aprox. a piques estou de perderme, menos mal que ía con outros corredores que me dixeron que por alí non era e sigo con eles ata chegar ao avituallamento que estaba situado no km 5,5 aprox. Eu decidín non parar e continuar xa que sabía que ese era o punto máis alto e que agora practicamente todo o que viña era baixar.


Tras o avituallamento viña unha zona rápida de leve baixada pero fácil polo que os perseguidores non eran capaces de collerme ata que a cousa se empezou a complicar con un par de baixadas máis técnicas onde perdo dous postos.

Nunha desas baixas o corredor que tiña por diante caeu sen maiores consecuencias, iso fixo poñerme a pensar xa que se un corredor de trail cae, eu que son de asfalto ía pasalo mal. Así foi, nesa baixada aínda a fun baixando bastante ben pero sobre o km 7,5 aprox. había unha baixada bastante técnica, tanto que non sabía nin onde pisar e apiques estiven de ter que parar de todo para baixar máis tranquilo, o problema ía ser parar porque unha vez que empezas a baixar, parar é complicado e máis con pedras soltas e estando o terreo mollado. Por sorte baixo sen ningún percance e ao chegar abaixo unha respiración profunda e a seguir correndo.


Xa só restaban 6 Km para chegar a meta e o máis complicado estaba feito, agora o único problema que podía ter sería de forzas pero de momento ía bastante ben, tanto que nesta zona consigo alcanzar outro corredor pero que, nunha das poucas subidas que quedan eu bótome a andar porque xa non había moitas forzas para correr e me saca unha distancia que non dou recuperado.

Para chegar a meta había que volver a subir o que no comezo da proba baixamos, nese punto eu xa ía desfondado de todo e vou correndo e andando para que non me collese ninguén por detrás, aínda que tras varias miradas, non viña ninguén e entro en meta correndo para dar boa imaxe.


O resultado final foi:
  • Posición xeral: 7º de 72.
  • Posición categoría: 3º 🏆
  • Tempo: 1:08:49
  • Ritmo: 4:55 min/km

Os obxectivos cumpridos, desfrutei moito desta carreira, aínda que tamén houbo algunha zona na que sufrín pola miña integridade física pero nos trails é o que toca. En canto o resultado moi satisfeito ao conseguir o meu primeiro podio no monte facendo así unha boa despedida ata Setembro.

Información técnica:
  • Distancia: 14 Km.
  • Desnivel +: 580 m.

🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Iván Brea ................................ 1:06:04 
  2. Sergio Bouzas Gómez ............ 1:06:05
  3. Carlos Juanatey García ........... 1:06:10
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. María González Martínez ....... 1:20:43
  2. María Mareque Martínez ........ 1:23:17
  3. Sonia Lois García ................... 1:32:39

Tamén che pode gustar:

0 comments