X Carreira do Demo

Despois do "descanso" de verán, volvo a competición para empezar a coller ritmo de cara o Campionato Galego de Media Maratón e por iso me desprazo ata o Concello de Riveira, máis concretamente ata San Xián de Artes onde se ía celebrar a X Carreira do Demo, sobre unha distancia de 6,66 Km.

O obxectivo sería:
  • Comprobar o estado de forma despois deste "descanso" de verán.
Unha vez que cheguei a zona da carreira, fun recoller o dorsal e cando se empezaba a escurecer cambieime para poñerme a quecer. 


Facendo o quecemento, púxenme a seguir unha frechas que había no chan de cores, pero nalgunhas cruces separábanse e non sabía cales seguir, o final decidinme polas de cor vermello o cal me levou de volta a saída, menos mal... porque perderme antes de saír non ía facerme moita gracia.

Coloqueime na zona de adiante da saída e mentres esperaba a que dera comezo a proba, estiven falando cun compañeiro das carreiras onde me explicou un pouco como ía ser a proba. Tras un pequeno atraso na saída, ata me deu tempo a "cantar" un pouco, bos temas os que estaban a poñer, dáse a saída co lanzamento dunha bomba, mentres aos lados o público asistente estaba con bengalas.


Tras darse a saída, os primeiros metros vou con "calma" e perdo varias posicións, ademais o camiño estreitábase e era máis complicado gañar postos pero rápido se empezou a estirar todo e comecei a apertar e a gañar moitos postos. Así tras dar unha pequena volta e regresar para pasar de novo pola saída, onde se cumpría o km 1, xa ía a un bo ritmo e centrado en coller aos seguintes corredores para seguir gañando posicións.


A partir de aí viña un km favorable onde sigo gañando posicións aínda que con precaución xa que estaba todo escuro e non se vía onde pisabas e ía con medo de meterme na cuneta ou meter o pé nalgún burato.

A partir do km 2 ata o 4,5 aprox. a carreira poñíase interesante e viña a mellor parte para min, a subida, algunha máis pronunciada que outra pero foi onde puiden exprimirme e comprobar o estado físico no que estaba tras o parón e todo parecía que ía moi ben, co cansancio normal da esixencia de subir pero íase levando bastante ben, ademais xa había luz e podíase correr máis comodamente.

Abandonamos ese tramo de case subida constante e collemos unha pequena baixada onde xa volvemos a correr a escuras e pisar con medo de non saber o que había no chan.
Xa no km 5 volvemos a subir uns 500 metros, aí noteime falto de forzas e comezoume a dar flato pero que de momento non me molestaba moito para seguir mantendo o ritmo, polo que seguín tirando. Pola última zona escura dábame a sensación de ir correndo como un pato mareado sen saber onde pisaba e indo de un lado a outro da calzada, seguindo aos voluntarios que estaban por esa zona con unha luces para marcarnos o camiño.  

Xa só restaba un km. para chegar e quedaba unha forte baixada onde perdo dous posto, O flato xa non me deixaba apertar moito e como sabía que xa estaba a meta preto, intento dar todo o que me quedaba para intentar recuperar as posicións perdidas e que non me alcanzasen por detrás.
Finalmente non conseguín chegar aos corredores que me adiantaran pero polo menos mantiven a posición.


O resultado final foi:
  • Posición xeral:12º de 125.
  • Posición categoría: 2º. 🏆
  • Tempo: 24:50 min.
  • Ritmo: 3:44 min/km

O obxectivo pódese considerar superado con creces, xa que non contaba para nada con chegar ao podio e conseguir tan bo rendemento. A pesar de que sufrín nos últimos km's e nas zonas escuras conseguín un bo posto e quedei moi satisfeito coas sensacións pero sei que me falta unha marcha máis que tiña antes de agosto e que espero recuperar pronto.

Xa no podio o corredor e speaker Eduardo Iglesias, comentou que eu tiña un blog e que se a xente non aplaudía que o ía poñer, pois ben, o público asistente a cerimonia de entrega de trofeos portouse e ao dicir iso aínda aplaudiron máis.


En canto a carreira, moi entretida cunha primeira parte rápida e coa segunda con sube e baixa constante que a fai dura ademais engadíndolle a "dificultade" de correr a escuras algunha zona fan desta unha proba única e recomendable polo que para o ano sempre que coincida por estas fechas intentarei estar e mellorar o tempo e posición.

🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Juan Antonio Gude Vila .................... 21:31
  2. Akka Essaadaoui ............................... 21:53
  3. Rodrigo Ares Mateos ........................ 21:59
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Paula Mayobre González .................. 24:22
  2. Elena Matalobos Redondo ................ 28:31
  3. Maialen Pérez Markotegi .................. 30:36
PD: Clasificación completa. Fotos cortesía de Lisardo Vilar Fotografía e Club Tartarugas. Moitas gracias.

Tamén che pode gustar:

0 comments