I Trail Padrón Desafío Vértice

Tocaba regresar ao monte para facer unha última tirada longa e rematar coa preparación para o Campionato Galego de Media Maratón, por iso despraceime ata Padrón onde se ía celebrar o I Trail de Padrón "Desafío Vértice", organizado por CDM Vértice, sobre unha distancia de 21 Km aprox. e 1300 metros positivos.

Os obxectivos serían:
  • Chegar enteiro, xa que o vou facer como tirada sen forzar máis da conta.
  • Desfrutar todo o que poida xa que espero que haxa unhas boas vistas.
Tras chegar a Padrón onde estaba situada a meta, recollín o dorsal, agasallo técnico e mentres esperaba a hora de coller o autobús que nos levaría ata a saída, fun tomar un té negro como estou collendo de costume antes de competir. Chegada a hora, cambieime e dirixinme cara o autobús.

Cando chegamos a zona da saída en A Grela (Teo), esperei a que faltasen 10 minutos para a saída e poñerme a quecer un pouco (xa habería tempo de quecer durante a proba). Faltando 5 min. fomos chamados para a saída e explicarnos como ían ser as sinais e as marcas que nos íamos atopar.


Rematada a charla, deuse a saída, onde empecei moi tranquilo e no medio do grupo xa que a idea era de non forzar. Nos primeiros metros tiven que controlarme un pouco para non arrancar como se fora unha carreira de asfalto e adaptar o ritmo.


O primeiro km era de subida constante pero leve e ao ir adiantando corredores apenas se notou. A partir dese primeiro km comezou unha baixada onde me comezou a adiantar xente por todos lados, aínda non estaba moi metido na carreira e baixei bastante tranquilo. 

A partir de aí comezou un sube e baixa constante que duraría ata o km 4,5 aprox. onde daría comezo a primeira das subidas importantes e a cronoescalada a Pena das Cruces, unha subida de 700 metros con un desnivel positivo de 222 metros. Fun subindo ben, ao ser a primeira das subidas de momento tiña forza. Rematei de subir en 12:50 min que equivale un ritmo de 18:22 min/km e quedando no posto 27º, 3:50 minutos máis que o máis rápido.


Agora tocaba facer unha pequena baixada rápida, con bastante pedra solta que se me fixo xa bastante técnica porque non sabía moi ben onde pisar. Tras baixar, volver a subir ata a Pena de Agrela onde estaba situado o primeiro dos avituallamento. Eu non son moito de parar pero como ía en modo "tranquilo" e estaba a facer bastante calor decidín parar e comer algo rápido para poder seguir e que non me fallasen as forzas. Finalmente botei uns 3 minutos alí, bebendo auga e comendo laranxa.

Continuamos a carreira por unha longa baixada con algunha zona favorable para correr ata que de repente, xiro a dereita e comezamos a facer unha pequena subida por unhas pedras e a ir saltando de unha a outra (tal mente como cabras) para comezar outra baixada técnica onde o agarre das zapatillas foi importante e onde fixen a primeira ferida leve, nun dos movementos coa man dinlle a un toxo que se me crava con ganas e quédaseme un dedo sangrando... cousas que pasan. 

Continuamos por un sube e baixa constante ata chegar as pozas, na charla do comezo nos advertiran que non nos metésemos xa que algunha podía enganar coa profundidade. Tanto quixen evitar mollarme que esvarei nunha pedra e apiques estou de caer de cheo nunha delas. Despois unha silva xogoume unha mala pasada xa que quedou enganchada en min e rascoume todo, tan enganchada estaba que a gorra que levaba quedóuseme atrás cravada na silva, menos mal que Hugo Arias que nese momento viña detrás miña a sacou e ma devolveu para continuar coa carreira.


Tras pasar a zona das pozas comezamos a subir a que será a seguinte cima pero antes, entorno ao km 10,5, atopámonos co segundo avituallamento onde só collo auga, xa que 100 metros antes de chegar tomei unha das gominolas enerxéticas que levaba. Despois desta parada técnica seguimos o camiño onde practicamente foi todo o tempo subir ata chegar a cima do Castelo de Roque.

Unha vez chegamos a cima, como non a baixar de novo para logo volver a subir ata a seguinte cima a do Castelo Redondo onde xa se podía ver os eólicos e as antenas do Monte Meda a seguinte cima que había que coroar. Baixando do Castelo Redondo cara o Monte Meda a piques estou de caer xa que apenas se daba freado e foi unha baixada bastante rápida.


Comecei a subir, iluso de min, pensei que ía ser a última subida e que unha vez chegados ao Meda xa sería baixar ata Padrón. Cheguei onde estaba o punto de corte das 3 horas, miro o reloxo e 1:54:00. Continuo pensando que xa iriamos cara Padrón por unha longa baixada que no seu día no Trail Bisbarra do Sar fixera subindo e case era mellor subir porque foi moi técnica pero que se me fixo curta xa que a fixen toda falando co compañeiro que dende o segundo avituallamento me estaba acompañando. Tras acabar a baixada, chegamos a unha pista onde comezamos a llanear ata que de repente nos manda para arriba outra vez, comecei a subir sen forzas ningunha a esas alturas xa ía desexando acabar. Foi unha subida duns 600 metros e uns 200m+ que se me fixo eterna, marcando ritmos de 40 min/km. Só pensaba en chegar arriba onde estaba o último avituallamento, coller forzas e afrontar a baixada para chegar a Padrón. 
Chego ao avituallamento sen ser capaz de articular palabra, xa nin tiña forzas para iso, tomo outra das gominolas, auga e laranxa, mentres intento recuperar o alento.

Seguimos e agora xa o que quedaba case era todo favorable, comezamos cunha forte e técnica baixada onde me comeza a dar dor na zona dos lumbares, imaxino que sería de ir facendo forza para manter unha boa posición. 


Tras acabar de baixar o Meda polo cortalumes, seguimos baixando pero xa por pistas máis comodamente onde intento recuperarme desa dor que non me deixaba correr a gusto. Recupero no último repeito que quedaba, non era moi grande pero as forzas ían xustas, tras acabar de subir deixo atrás o compañeiro que me acompañou dende o segundo avituallamento xa que lle comezou a ter problemas musculares.


Só restaban 3 km e era todo baixar e llanear ata chegar a zona de meta, nesta parte intentei apertar ao máximo para comprobar de cara ao Campionato de Media Maratón se sería capaz de acabar rápido e aínda que me saíron uns ritmos aprox. de 4:10 min/km nesta última parte, muscular mente parecía que estaba aguantando bastante ben e chego a meta coa satisfacción de conseguir baixar das 3 horas.


O resultado final foi:
  • Posición xeral: 27º de 83.
  • Posición categoría: 18º
  • Tempo: 2:51:01
  • Ritmo: 8:09 min/km
Os obxectivos cumpridos, cheguei a meta enteiro pero coas forzas xustas algo normal creo. Desfrutei bastante do percorrido, duro pero máis ou menos era o que me esperaba e unha incribles vistas onde nunha das cimas, non recordo en cal, levantei a vista e a un lado podíase ver o Pico Sacro e se xirabas cara o outro lado vías o comezo da Ría de Arousa.


🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Elpidio Gómez Sousa ..................... 2:05:45
  2. Fernando Arca Casal ...................... 2:09:05
  3. Luis Calvo Castro ........................... 2:15:34
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Fátima Sanmartín González ......... 2:32:51
  2. Rebeca Mariño Torrado ................. 2:46:39
  3. Silvia Casal Domínguez ................. 3:08:26

Tamén che pode gustar:

0 comments