II Carreira Solidaria Festas de Lalín

Tocou volver por Lalín, xa facía tempo que non corría aí, concretamente un ano nesta mesma proba e que este ano foi a II Carreira Solidaria Abanca Festas de Lalín, sobre unha distancia de 6 Km e nun percorrido de dúas voltas.

Os obxectivos serían:
  • Mellorar o tempo do ano pasado (20:55 min) sempre que sexa o mesmo percorrido.
  • Desfrutar do ambiente festivo que se espera que haxa dado que son as festas.
Unha vez cheguei a Lalín, fun recoller o dorsal a zona da saída onde xa me fun atopando con moitos compañeiros de carreiras. Púxenme a quecer cun compañeiro de equipo (Carlos Pampín) que tamén ía disputar a proba mentres comentábamos xa as nosas próximas carreiras (canto vicio...). Quecendo comezoume a dar flato, nunca me dera antes da carreira polo que paro o quecemento antes de ser chamados para a saída a ver se recuperaba. 
Xa recuperado fomos chamados para a liña de saída onde saco unha foto con Renato, compañeiro de carreiras mentres comentabamos como ía ser a proba e a dureza do trail que tiña que facer o domingo.


Coloqueime en primeira fila, para saír a tope dende o principio pero houbo un desconcerto na saída, pensei que cando se dera a saída era para dar o inicio da proba das handbikes pero resultou que saiamos todos a vez e houbo que tomar precaución na saída polo que perdín varios postos.


Unha vez que conseguín pasar as handbikes comecei a marcar un ritmo forte, intentando recuperar o terreo perdido e a gañar postos. Ao chegar a estación de buses de Lalín fixemos un xiro que non se facía o ano pasado polo que o obxectivo de tempo a mellorar xa quedaba descartado. Tras a primeira volta marco un tempo de 10:47 min que supoñía un ritmo de 3:36 min/km e pasando no posto 8º polo que bastante ben, agora tocaba aguantar e intentar mellorar si se podía.


A segunda das voltas foi mala, non sei o motivo pero non me sentía nada cómodo correndo, coa sensación de que estaba indo moi rápido pero o reloxo non dicía o mesmo e comecei a marcar ritmos de 4 min/km.
A falta de 1,5 km para meta comezo a mirar cara atrás xa que non me vía con forzas para chegar ao corredor que levaba por diante e tras varias miradas e ver que tiña unha boa vantaxe sobre o meu perseguidor, decido ir máis tranquilo e rematar xa pensando en recuperar para o trail de domingo. Esta última volta fíxena en 11:38 min que equivale un ritmo de 3:53 min/km e onde perdín dous posto respecto ao anterior paso por meta.


O resultado final foi:
  • Posición xeral: 10º de 171.
  • Posición categoría: 10º.
  • Tempo: 22:25 min.
  • Ritmo: 3:45 min/km.
Os obxectivos ben, ao non ser o mesmo percorrido xa non tiña referencia de tempo pero non acabei de estar cómodo na carreira, non sei o motivo pero sentinme raro correndo e as sensacións non foron moi boas xa dende o quecemento, ademais esperábame un pouco máis de xente animando por Lalín pero bueno dentro do que cabe un top 10 que non está nada mal para as sensacións que tiven.

🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Ricardo Vazquez Vaamonde .............. 20:10
  2. José Canda Louzao ............................. 20:21
  3. Maikel Rodríguez Domínguez ........... 20:57
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Verónica Mon Seijas ........................... 27:26
  2. Andrea Elizabeth Saavedra Novoa ..... 27:56
  3. Lucía Mariño Paz ................................ 28:14
PD: Clasificación completa. Fotos cortesía do Concello de Lalín. Moitas gracias.

Tamén che pode gustar:

0 comments