IV Trail Castelo de Vitres

Ultimamente non salgo do monte e é que lle estou collendo o gusto a isto de facer de cabra e a parte correr. Por iso despraceime ata Boiro onde se ía celebrar o IV Trail Castelo de Vitres, organizado por Tribu Trail e sobre unha distancia de 20 Km con un desnivel positivo de 1100 m.

Os obxectivos serían:
  • Chegar enteiro a meta. Todos me dixeron que este é un trail duro e moi técnico.
  • Desfrutar o que poida, dentro da dureza que espero.
Unha vez cheguei a Boiro, fun recoller o dorsal e xa me puxen a cambiar que eran horas. Desta vez nin quentei, tiña pensado saír tranquilo e xa ía quecendo polo camiño. Antes de saír volvéronme dicir que a proba era dura, sobre todo nas baixadas. Cando se ía dar a saída e antes da charla técnica, fíxose un sorteo con varios premios, coa sorte de que fun un dos agraciados con unha cea para dúas persoas en A Terraza de Chicolino, a ver con quen vou... 

Colócome na zona traseira co compañeiro de equipo que tamén disputaba a proba (Oscar) e arrancamos. A proba comezaba con 1,5 Km's de asfalto que me serviron para quecer.

Foto: Trail Castelo de Vitres
Cando comezamos a coller as pistas o primeiro que nos atopamos e o paso dun rio por encima dunhas pedras estratexicamente colocadas para poder pasar. Logo tiñamos 1 km no que era fácil correr para chegar de novo ao asfalto pero só uns metros, xa que era para meternos no camiño do monte que ía pegado ao rio, camiño que fago tranquilo porque non había maneira de adiantar pero mellor así, fun reservando forzas. Todo ese camiño pegado ao rio foi picando cara arriba.

Chagamos ao avituallamento do km 4 do cal paso, co tempo frío que estaba a facer non me apetecía nada e seguimos subindo ata o km 5,5 onde comezamos a baixar. Ata aí fun gañando postos pero foi chegar a baixada e comezar a pasarme por todos lados, as advertencias tomeinas ao pé da letra e fun tranquilo.

Foto: Lisardo Vilar Fotografía
A segunda metade da baixada foi bastante técnica xa que era moi fácil esvarar, por sorte non me pasou nada e continuei para volver a subir uns 600 metros onde continúo a perder postos.

Foto: Berial Fernández
Rematada esta cima fixen unha pequena baixada fácil para volver a subir novamente onde había un voluntario cunha bicicleta que nos dixo: "apurade que vai chover". Dito e feito, uns minutos despois comeza a orballar, nese momento cambio de chip e en vez de tomar a carreira con máis precaución foi o momento no que empecei a coller confianza e a sentirme ben, collendo bo ritmo e gañando posicións.

Na subida do km 8, unha das máis duras pola inclinación tiñamos frases nas pedras para animarnos a seguir como: "ánimo", "vamos" e ata un "siiiiii" de CR7.

Acabada a subida chegamos a zona máis alta da carreira, agora xa era todo terreo favorable. Pasamos polo Km 9 onde estaba o segundo avituallamento do cal tamén paso, agora se quería beber só tiña que abrir a boca e hidratarme ca auga da chuvia. Alá arriba atópome cun compañeiro do Barbantia Roda (Santi), onde comparamos como imos.

Chegamos a unha zona de baixada bastante técnica xa que había que correr por encima das pedras e estaban molladas, co cal esvarar era máis que probable, por sorte non pasou nada e iso que estaba indo rápido. Iso si, estaba intentando evitar as pedras todo o posible, o problema diso foi que o evitar as pedras ía contra os toxos e tiña as pernas todas rascadas.

Pouco a pouco seguía gañando postos e escapando dos perseguidores ata que comezamos a baixar por un camiño de pedras polo km 12, como se por alí antigamente pasase unha calzada romana ou algo así. Comecei a ir tranquilo e escoito como se comezaban a acercar por detrás. Danme caza cando chegamos a unha das zonas máis técnicas que atopei pegados a un riachuelo onde o musgo, raíces, pedras soltas e a sensación de que tiña que ir rápido para que non me adiantasen os que viñan detrás fixo sacar a miña pericia para salvar ese treito. 

Última subida, volvo deixar os perseguidores atrás e a acercarme a un corredor do CDM Vértice que me intenta fichar para a sección de trail da próxima tempada aínda que estou moi contento de pertencer ao C.D. Pinarium e de momento non teño intención de facer cambios.
Comezamos de nova a baixar por onde antes subimos polo que agora o terreo xa era coñecido.

Foto: Lisardo Vilar Fotografía
Chegamos ao último avituallamento no km 14 que antes era o primeiro do que volvo a pasar. Agora como xa sabía o percorrido comezo a marcar un ritmo forte, intentando ir como se fóra por asfalto algo que me gustou xa que tiña que estar máis en alerta para salvar obstáculos.

Xa de novo no asfalto ao lonxe vexo un corredor e decidín intentar collelo, pouco a pouco funme acercando, cando a falta de un km para chegar a meta vín que tiña a dous corredores algo que me fixo ir máis rápido.

Foto: Berial Fernández
Na recta final pouco a pouco funme acercando a eles, adiantei ao primeiro na metade da recta e o outro cando me veu, intentou aumentar o ritmo para deixarme atrás, eu seguín ao meu ritmo e cando vin que era capaz de chegar a meta esprintando comecei a dar zapatilla, o outro corredor tamén intentou esprintar pero finalmente leveime a vitoria neste esprint. Xa facía tempo que non chegaba nun esprint así de forte.


O resultado final foi:
  • Posición xeral: 31º de 127.
  • Posición categoría: 25º.
  • Tempo: 2:19:40.
  • Ritmo: 6:59 min/km
Os obxectivos conseguidos, cheguei enteiro e desfrutei moito deste trail, creo que o primeiro que fago chovendo algo que me gustou e que o fai moito máis interesante xa que tes que estar en alerta seguido. Finalmente non me pareceu tan duro como dicían, é verdade que é bastante técnico nalgunha zona onde non sabes como baixar ou como subir e que tes que controlar moi ben onde pisas pero máis ou menos é o que esperas dun trail (pode ser que pouco a pouco me estea sentindo máis cómodo no monte). 

🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Fernando Arca Casal ............... 1:51:18
  2. Esteban Toucedo Santos .......... 1:54:01
  3. Martín Lestón Aguilleiro ......... 1:54:42
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Rebeca Mariño Torrado ............ 2:22:17
  2. Aída García López .................... 2:26:18
  3. Alba Rey Penelas ...................... 2:29:17

Tamén che pode gustar:

0 comments