XIII Cross de Verán de Broña

Tras correr onte a CorreSan - Nocturna Cidade Vella, tocou desprazarse ata Outes, máis concretamente ata a Praia de Broña onde se celebraba o XIII Cross de Verán de Broña sobre unha distancia de 10Km, nun percorrido no que iriamos por asfalto, terra, cemento e ata area de praia. 

Os obxectivos serían:
  • Apertar o que dea despois de correr o día anterior.
  • Desfrutar dunha proba das que quedan poucas en Galicia xa que é gratis.
Unha vez cheguei a Praia de Broña, fun recoller o dorsal e facer tempo para poñerme a quecer mentres saudaba a compañeiros das carreiras. A falta de 20 min. para a saída vou trotar un pouco para non saír en frío. Tras un atraso duns 10 min. fomos chamados para a saída, onde me coloquei na zona dianteira xa que a miña intención era de tirar forte dende o comezo.  


Deuse a saída e como non vou perdendo posicións (teño que aprender a saír). Tras uns 150 metros comecei a remontar aínda que pouco a pouco, xa que íamos por un paseo pegados a costa e non había moito espazo. De repente fixemos un xiro a dereita, onde comezabamos a subir unha pequena pendente xa por camiño de terra e pedras onde si que puiden gañar moitos postos e xa íamos no km 1.

Tras a subida tocaba baixar por un pista de terra que nos levaría de novo ao lugar da saída pero sen cruzar a meta. Seguimos recto collendo outra parte do paseo que era incluso máis estreito e con un mínimo despiste podíamos acabar no mar. Ata que saímos ao asfalto onde comecei a marcar un ritmo forte e constante onde pouco a pouco ía gañando postos e deixando aos rivais atrás.

Chegamos ao paso por meta onde os que estaban anotados a carreira de 5,5 Km paraban de correr e os demais tiñamos que seguir para buscar a dureza desta proba (km 6 aprox.). Neste punto marquei un tempo de 20:51 min que equivale un ritmo de 3:47 min/km.


Tras o paso por meta, pensei que íamos facer case o mesmo camiño que antes pero estaba equivocado, cando collemos o paseo, rápido nos desvían e comezamos unha longa subida de 1 Km aprox. (dende o Km 6 ata o 7). Nesta subida vía a un corredor por adiante que intentaba darlle caza pero como non sabía moi ben o que nos esperaba decido gardar un pouco. A subida era por terra ata que de repente chegamos o cemento. Isto recordoume aos portos de montaña na Vuelta a España, onde hai cemento rallado para que os coches non patinen debido a súa inclinación. 

Acabo de subir roto, cústame un pouco recuperar o ritmo xa que notaba as pernas como pedras debido ao esforzo da subida. Agora tocaba baixar e como esta carreira tiña que ter de todo a baixada era máis parecida a un trail que outra cousa. Ía saltado de pedra en pedra, de raíz en raíz e evitando todo o que podía as pedras soltas. A baixada tiña o seu punto de técnica xa que había que ir rápido.

Acabando de baixar chegamos de novo a correr pegados a costa todo polo paseo, onde xa non vía ao corredor que levaba por diante e xa comecei a pensar no que viña por detrás pero tras varias miradas vin que por alí non viña ninguén, aínda así fun apertando todo o tempo, sobre todo cando a falta de 300 metros para a meta nos desvían cara a praia e temos que correr pola area, que duro se fixo ese tramo e non eran máis que 200 metros e para rematar antes de chegar a meta, subimos as escaleiras a lo Rocky e crucei a liña de meta, cansado pero contento co rendemento e as sensacións. 


O resultado final foi:
  • Posición xeral: 6º de 128.
  • Posición categoría: 1º. 🏆
  • Tempo: 38:27 min.
  • Ritmo: 3:51 min/km.

Os obxectivos máis que cumpridos, non contaba con chegar ata o podio despois de correr onte pero o rendemento acadado foi moi bo e desfrutei moito desta proba xa que ten de todo e un percorrido moi bonito para correr aínda que con algunha zona dura e técnica pero que espero repetir nas próximas edicións. A maiores había un taller RCP/DESA durante toda a mañá para quenes quixesen aprender.

🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Manuel Dosil Lago ......................... 35:09
  2. Jose Suarez Leis .............................. 37:22
  3. Gonzalo Silva Brenlla ..................... 37:32
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Marinela Mayo Caamaño ................ 41:25
  2. María González Martínez ................ 45:40
  3. Elena Matalobos Redondo ............... 46:55
PD: Clasificación completa.

Tamén che pode gustar:

0 comments