XXII Medio Maratón de Pontevedra

Tocou enfrontarse outra vez aos 21 Km, distancia que ultimamente non se me está dando ben, xa sexa por un motivo ou outro. Desta vez despraceime ata Pontevedra onde se disputaba o XXII Medio Maratón de Pontevedra.

O obxectivo sería:
  • Intentar mellorar a miña marca que é de 1:20:54 conseguida neste mesmo percorrido no 2015.
Unha vez cheguei a Pontevedra, fun recoller o dorsal mentres saudaba a compañeiros das carreiras e do equipo. Tras recollelo, cambieime e púxenme a quecer. As sensacións non eran boas pero esperaba que unha vez comezase a carreira todo cambiase.
A 15 minutos para o comezo, sacamos a foto de equipo que ía disputar a proba.


Despois da foto, un último trote para acabar de quecer e somos chamados para colocarnos na saída. Xa colocado no caixón correspondente atópome con Ruben Vila, compañeiro do CD Egovarros. Poñémonos a falar dos obxectivos de cada un e fago un cambio de estratexia. Nun principio ía saír a correr todo o tempo ao ritmo obxectivo (3:47 min/km) e nos últimos km's dar o que me quedara nas pernas pero tras falalo, aconséllame ir máis conservador na primeira volta e pouco a pouco ir cambiando de ritmo para acabar máis forte.

Dáse o inicio a proba e arranco ben, gañando  algún posto e intentando controlarme xa que é moi doado pecar ao principio e ir máis rápido do que debería e acabar pagando na parte final.


Comezo a marcar un ritmo medio de 3:50 min/km, ritmo cómodo pero as sensación seguían sen ser moi boas, decido manterme así e esperar que todo cambiara na segunda volta. A primeira volta foi ben conseguín manterme no ritmo para ir mellorando despois. Foi unha primeira parte de carreira moito de cabeza xa que houbo momento nos que me pedía ir máis rápido e tiven que controlarme.

Tras a primeira volta, no paso polo km 10 marco un tempo de 38:20 min que equivale un ritmo de 3:50 min/km polo que fun aguantando ben o ritmo agora tocaba o cambio de ritmo a ver se as sensacións melloraban.


Intento facer o cambio de ritmo sobre o km 12 pero as pernas non responden e as sensacións que tiña que xa non eran boas cada vez eran peores, ademais comecei a perder postos sen ser capaz de engancharme ao corredor que me adiantaba. Cada km que pasaba íame sentindo peor, non era capaz de reaccionar e tras ver os ritmos que estaba marcando entorno a 4:00 min/km sobre o km 15 desisto o intento de mellorar a marca e deixarme levar ata a meta, frustrado co meu rendemento e intentando pensar porque unha semana antes na VI CorreSan Ruta da Prata de Angrois fixen unha gran carreira e as pernas ían perfectas e a semana seguinte non hai ritmo nin sensacións...

Como as cousas tenden a ir de mal en peor pois entorno ao km 18, un tendo da parte de atrás do xeonllo esquerdo dixo basta e non daba corrido ben, intentei acabar como puidese pero ía coxeando... Para compensalo tiven que facer máis forza coa outra perna para intentar non perder moito tempo pero ao forzar a outra perna comezoume a protestar o xemelgo dando amagos de tirón, estiven a piques de parar para estirar pero como xa só restaban 2 km's para o final intento aguantar e chegar a meta frustrado aínda que menos que na Media de Ribeira xa que aí si que estaba para facer marca se non fora por un problema muscular.


O resultado final foi:
  • Clasificación xeral: 193º de 1146.
  • Clasificación categoría: 52º.
  • Tempo: 1:25:35.
  • Ritmo: 4:04

O obxectivo non foi cumprido xa que me quedei a 4:41 minutos da miña mellor marca pero o peor foron as sensacións que tiven, nunca foron boas pero ese momento de cambio de ritmo e ver como non podes cando en principio fuches conservando para poder atacar ao final non foi agradable e a maiores os problemas de tendóns e musculares que non me deixaron desfrutar en ningunha parte da carreira. 
O único que me gustou e que sempre me ocorre cando vou correr a zona de Pontevedra son os ánimos que recibo por estar no CD Pinarium e que se agradece moito sobre todo nestes días onde todo sae mal. 

🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Manuel Guerreiro Nuevo .................... 1:08:30
  2. Pablo Miguel García García Paz ......... 1:08:33
  3. Nicolás Arrojo Fernández ................... 1:10:40
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Leticia Fernández Barbosa ................. 1:21:19
  2. Sonia Teijeiro Ferro ............................ 1:26:01
  3. Saleta Aboy Pazos ............................... 1:26:35

Tamén che pode gustar:

0 comments