V Carreira Popular Concello de Rianxo

Tocaba disputar a terceira proba do Circuíto Arousa Norte, a V Carreira Popular Concello de Rianxo sobre unha distancia de 10 Km, dando tres voltas ao percorrido e que este ano como novidade disputaríase pola tarde/noite. 

Os obxectivos serían:
  • Mellorar o tempo acadado o ano pasado que é de 37:50 min.
  • Quedar no mellor posto posible para a clasificación do circuíto aínda que hai poucas opcións a podio.
Unha vez cheguei a Rianxo, comezou a chover bastante (xa había tempo que non vía chover así...) polo que unha vez aparquei decidín cambiarme no coche e ir preparado para quecer. Como aínda faltaba tempo para darse a saída houbo que poñerse a refuxio da auga na carpa que tiñan os da organización pero a carpa non estaba preparada para a auga e comezáronse a formar bolsas de auga que fixo que a carpa estivese a punto de virse abaixo polo peso. Cambiei de refuxio pero xa eran horas de poñerse a quecer e por sorte foi decidir poñerse a quecer e parar de chover.

Coloqueime na saída, máis atrás do que debería para pelexar por unha posición no circuíto pero non tiña moi claro como me ían responder as pernas debido as molestias que arrastro. Dáse comezo a proba e con máis precaución da habitual debido a que estaba todo mollado arranco, como sempre perdendo postos pero xa habería tempo de recuperalos.


A primeira volta fun recuperando moitos postos a pesar de que as molestias estaban aí, sentíame bastante cómodo o que tiña claro nada máis saír é que o obxectivo de mellorar o tempo ía estar complicado dada as condicións esvaradías que había. Acabo a primeira volta facendo un tempo de 12:38 min. que equivale un ritmo de 3:47 min/km.


Comezo a segunda volta intentando manter o ritmo e seguir gañando postos, algo que consigo o comezo pero pouco a pouco vexo que non consigo acercarme aos seguintes corredores. O problema veu sobre o km 4,5 onde a piques teño que parar debido a que non estou recuperado ao 100% da gripe e debo ter moita mucosidade por dentro porque non me faltou nada para vomitar. Termino esta segunda volta facendo 12:51 min. que equivale un ritmo de 3:51 min/km parecía que as pernas xa non podían máis pero intento apertar xa que só restaba un volta.


A terceira volta xa fun máis por inercia, as pernas xa as notaba cansas e as molestias seguían aí pero só pensaba na clasificación do circuíto, en que non me adiantase ninguén e fun tirando o que daba, a verdade é que non me quedaba moita forza máis pero valeume para que non me alcanzase ninguén por detrás e recuperei un par de posicións para terminar esta terceira volta en 12:50 min. que equivale un ritmo de 3:51 min/km.


O resultado final foi:
  • Clasificación xeral: 49º de 227.
  • Clasificación categoría: 11º.
  • Tempo: 38:23 min.
  • Ritmo: 3:52 min/km.
Os obxectivos non foron cumpridos xa que me quedei a 33 segundos de mellorar o tempo pero dadas as condicións atmosféricas creo que estivo bastante ben porque en todos os xiros fun con bastante tino de non esvarar. O peor foi a posición acadada xa que practicamente xa non teño opcións de facer nada no circuíto polo que a última proba en Boiro xa irei máis a desfrutar e a intentar mellorar o tempo que teño se chego en boas condicións.

En canto a carreira o tempo fixo que posiblemente fose máis lenta e que non houbese tanta xente animando. O cambio horario particularmente non me convenceu, prefería que fose de maña como sempre se fixo polo resto todo perfecto.

🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Pedro Nimo del Oro ................ 31:54
  2. Jorge Crespo Arias .................. 32:17
  3. Miguel Penedo Taboada ......... 32:34
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Raquel Suárez Pedrosa ........... 38:06
  2. Rocio Alvite Ferreiro ............... 38:22
  3. Esther Pedrosa Carrete ........... 39:33
PD: Clasificación completa. Fotos cortesía de Difusión ProSport para a Concelleria de Deportes de Rianxo. Moitas gracias.

Tamén che pode gustar:

0 comments