VIII Carreira Pinga-Pinga

A piques de facer tres anos como atleta no equipo C.D. Pinarium, aínda non puidera participar na carreira que organizan pero chegou o día de comprobar a dureza da que tanto se di e participar na VIII Carreira Pinga-Pinga, sobre unha distancia de 7,3 Km dando tres volta ao percorrido marcado.
Todos os anos fan unha homenaxe, esta ano tocoulle ao piragüista Pontevedrés Óscar Graña, con un gran palmares de 12 medallas en Campionatos Mundiais e 9 medallas en Campionatos Europeos.

Os obxectivos serían:
  • Manter as boas sensacións e o bo rendemento que conseguín a semana pasada.
  • Desfrutar da proba do equipo.
Unha vez que conseguín chegar coa axuda do GPS, xa que senón era moi probable que non dera chegado, fun recoller o dorsal e esperar que fose o momento de cambiarse para poñerse a quecer, nunha maña que estaba sendo bastante fría xa que o sol non acaba de quentar. 

Antes de seguir coa miña participación nesta proba teño que dicir que antes que dera comezo a nosa proba, foi a quenda para os da andaina que terían un percorrido de 5 Km na que meus pais participaron e as súas impresións foron: unha zona moi bonita e tranquila pola que poder andar, indo pola beira dun riachuelo e moi ben sinalizada. Houbo un tramo polo cal tiñan que ir por encima duns palets polas chuvias dos días anteriores e que deixaron a zona con algo de barro e algunha pequena pendente que miña nai lle custou máis pero que repetirían seguro xa que é unha boa forma de coñecer e pasar o tempo mentres eu estou a correr.

Chegou o momento de poñerse a quecer e xa fun coñecer o percorrido e as súas pendentes para ir comprobando ao que me tería que afrontar. Quedoume claro que non se podía saír moi forte porque senón na última volta o ía pasar mal. A subida era das de ter que reducir marchas no coche para subir e todo tiña pinta de ser un subir e baixar continuo polo que a carreira é rompe pernas.

Na saída coloqueime na zona media tirando cara atrás, aínda que a carreira era curta, na subida sabía que podía recuperar ben os postos. Dáse inicio a proba dentro do campo de fútbol, onde teriamos que dar unha volta e saír para encarar as tres voltas do circuíto.


A primeira volta fíxena como recoñecemento do percorrido e é que tiña algunha sorpresa máis porque cando fun inspeccionar o percorrido só subira a primeira das pendentes xa que unha vez subías esta, viña unha zona llana e logo outra subida moito máis pequena que a anterior pero que tamén lle chegaba ben de dureza. A partir de aí xa era terreo favorable ata uns 500 metros antes de terminar a primeira volta na que se comezaba a subir de novo. Durante toda a primeira volta fun gañando postos, sobre todo na subida, supoño que ao ser peso pluma, subo mellor.


A segunda volta foi máis de transicións e intentei manter un ritmo constante, pensando seguido en que tiña que gardar algo para a última volta, que senón o ía pasar mal na subida. Seguín gañando postos e as sensacións eran moi boas.


A terceira e última volta a pesar de reservar un pouco para esa última subida, que larga se me fixo, pensei que non se acababa nunca pero pasiño a pasiño foise subindo e xa só quedaba baixar, onde fun intentando pillar ao corredor que levaba por diante para non deixarme levar e unha vez que volvemos a entrar no campo de fútbol para dar a volta ata a meta consigo alcanzalo e chegar a meta xunto co compañeiro de equipo, Íñigo Martínez.

O resultado final foi:
  • Posición xeral: 19º de 153.
  • Posición categoría: 7º
  • Tempo: 28:09 min.
  • Ritmo: 3:51 min/km
Os obxectivos cumpridos, desfrutei moito da carreira xa que non che da tempo a aburrirte, ou estás subindo ou estás baixando polo que é deses rompe pernas. As sensacións foron moi boas e o rendemento tamén a pesar de notar na última volta a falta de adestramento pero pouco a pouco vou collendo o punto outra vez xa que estou cambiando o tipo de adestramento a ver se así evito mellor as lesións e consigo mellorar máis.

En canto a carreira un traballo perfecto e moi ben organizado, non é porque organice o equipo no que estou pero para min non lle faltou nada, percorrido ben marcado, avituallamento intermedio e final moi completo, camiseta de agasallo para os corredores, andaina gratuíta, animación para os rapaces e parte solidaria, xa que 1€ da inscrición ía doado integramente a Asociación Española Contra o Cancro

Para rematar tiven que subir a recoller o trofeo de 2º clasificado no Km Pinarium que é un concurso entre os membros do equipo no que imos puntuando por cada carreira que facemos ao longo do ano e que este ano estivo moi reñido xa que o vencedor, Manu Sobral, conseguiu a vitoria por 9 puntos de diferencia comigo, sendo o terceiro clasificado, Manu Lorenzo. Parabéns aos dous e a ver se para o ano sempre que as lesións me respecten poida conseguir o primeiro posto.


🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Luis Figueroa ............................ 24:07
  2. Álvaro Prieto Fervenza ............ 24:43
  3. Amadeo Abal Chaves ................ 24:58
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Tania Domínguez Ferreira ....... 33:11
  2. Marga Villaverde Rosales ......... 34:13
  3. Ángeles Iglesias Santiago ......... 34:31

Tamén che pode gustar:

0 comments