VI Sin Son 10K

Novamente tocou participar nunha carreira que dende o meu punto de vista está máis que asentada no calendario de carreiras galegas, a SinSon10K este ano na súa 6ª edición e a miña 4ª participación porque nas dúas anteriores eu aínda non estaba neste mundillo.

Os obxectivos serán:
  • Intentar mellorar o meu tempo que teño nesta proba de 36:32 min. conseguida no 2014.
  • Desfrutar da proba xa que estaremos correndo ao carón de Iván Raña.
Unha vez cheguei a Porto do Son, rapidamente me cambiei e fun cara os buses que nos levarían a Portosín, onde estaba a saída. Cando baixamos do bus, imos todos cara a saída, onde estaban os demais corredores e doume de conta de que este ano cambiaron o lugar da saída algo do que sempre se queixaron os corredores por facerse un "embudo" aos poucos metros de saír.

Saúdo aos poucos compañeiros de equipo que tamén ían participar e póñome a quecer, estaba facendo bastante frío. Posiblemente foi na carreira que máis tempo estiven quentando xa que tranquilamente botei uns 30 minutos a trote pero é que se estabas parado conxelábaste.

Cando faltaban 5 minutos para saír, coloqueime no caixón correspondente e practicamente adiante de todo, quería saír rápido e logo manter un bo ritmo. Con un pequeno atraso por mor da carreira de patíns, dáse inicio a proba.

Foto: Andrea Carleos Photography
Arranquei con moitos atrancos e sen poder avanzar polo que fun perdendo moitas posicións, incluso tropecei varias veces con outros corredores pero sen chegar a caer seguramente unha das saída nas que peor me sentín. Ata pasado o primeiro dos km's non conseguín un espazo no que poder correr máis tranquilo e comezar a recuperar posicións. A pesar de saír con moita dificultade no primeiro km marquei un ritmo de 3:41 min/km dentro da miña media de carreira.

A partir do km 1 xa comecei a marcar un ritmo forte, intentando recuperar as posicións perdidas e ademais estábame sentindo moi cómodo, claramente era o principio da proba e estaba fresco polo que podía tirar e así chego ao km 2, xa correndo a ritmos de 3:29 min/km de media. Ritmo ao que non estaba acostumado a facer pero de momento ía aguantando.

Foto: Andrea Carleos Photography
Tras a volta ao peirao comezamos a deixar Portosín e collemos dirección Porto do Son, seguía marcando uns ritmos que me estaban "asustando", cada vez que miraba o reloxo o ritmo estaba sempre por debaixo dos 3:40 min/km e xa comecei a pensar que cando chegase a pendente do km 7, a máis dura da carreira, que o ía pasar mal pero seguín tirando igual, intentando manter o ritmo (moito máis rápido non creo que fora capaz de ir).

Cheguei ao km 5, punto de control e metade de carreira. No paso marquei un tempo de 17:50 min. que equivale un ritmo de 3:34 min/km que suporía acabar en 35:40 min. e pasando no posto 59º. O ritmo que estaba conseguindo manter era perfecto, pasei por debaixo da marca que teño nos 5 Km homologados e as sensacións seguían sendo moi boas e de seguir así, sería a primeira vez que corría por debaixo de 36 min.

Seguín tirando pero os ritmos xa non eran os da primeira metade, non foi un cambio brusco pero comecei a rodar a 3:40 min/km. Pola cabeza xa comezaba a rondar a pendente do km 7 e se subir a ese ritmo ou intentar forzar. O problema de forzar é que xa o fixen outros anos e despois aínda quedan sobre 2 Km nos que predomina a baixada, normalmente tendo a cargarme moito e sempre acabei tocado e chegando coas forzas xustas.

Chegamos ao km 7 e tras unha curva aí esta a subida, na que finalmente decido non forzar pero si subir con "alegría" só centrado en min e dar pasos curtos pero máis rápido. Pouco a pouco foise subindo e ata gañei algún posto subindo ademais non se me fixo nada dura. Tras subir viña unha forte baixada que aproveitei para relaxar un pouco os brazos e baixar por inercia para recuperar un pouco.

A falta de un km para meta vin como pouco a pouco se me van acercando por detrás eu xa non podía máis, os ritmos do principio comezaban a pasar factura e non era quen de tirar máis. Perdín un par de posicións antes de chegar a meta con susto incluído, xa que a altura do barco na entrada para o paseo de Porto do Son a perna dereita fállame e tropezo comigo mesmo, apiques estiven de irme ao chan, por sorte non pasou. Xa polo paseo fago unha última mirada cara atrás par ver se tiña que sprintar ou non para conservar posición porque non quería perder máis postos pero tiña unha vantaxe suficiente.

Foto: RunPhotos Galicia
Cheguei a meta mirando o crono e moi contento coa carreira que acababa de facer xa que conseguín baixar de 36 min. aínda que segundo o reloxo lle faltaban un 120 metros para facer os 10 Km pero creo que vou no bo camiño.

Foto: Andrea Carleos Photography
O resultado final foi:
  • Clasificación xeral: 61º de 1427.
  • Clasificación categoría: 24º.
  • Tempo: 35:51 min.
  • Ritmo: 3:35 min/km.
Os obxectivos cumpridos e con nota. Mellorei o tempo que tiña nesta proba en 41 seg. que creo que é unha melloría bastante boa e que o vou ter complicado de mellorar o ano que ven. Desfrutei moito da proba aínda que non puiden pillar a Iván Raña que finalizou 6º e só o vin na saída, xa que o tiña a uns metros.

A organización perfecta resolvendo detalles que os anos anteriores deron problema como cambiar a saída de sitio e dar a camiseta de agasallo xunto coa recollida anticipada de dorsal xa que o ano pasado houbo moitos problemas con este tema onde eu me vin perxudicado xa que tiven que estar esperando a súa recollida.

🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Nuno Costa ................................ 29:48
  2. David Santos Domínguez ....... 30:03
  3. Pablo Bocelo Bellas .................. 31:29
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Ester Navarrete Santana ........... 34:35
  2. Esther Rodríguez Díez .............. 36:03
  3. Clarisse María Pinho Cruz ........ 36:28
PD: Clasificación completa. Fotos cortesía de Andrea Carleos Photography, RunPhotos Galicia. Moitas gracias!!

Tamén che pode gustar:

0 comments