Carreira Batalla de Cacheiras 2017

Tocou volver a carreira na que hai dous anos conseguía o meu primeiro podio, A Batalla de Cacheiras. Que tempos aqueles... agora cústame máis chegar a eses postos pero pouco a pouco parece que me volvo a acercar e pelexar por estar no podio de novo.

Desprázome ata Cacheiras, ao Alto de Montouto onde este ano estaba situada a meta. Hai dous anos a proba era noutro lugar polo que tocaba estrearme neste percorrido. Segundo pon no regulamento da proba é unha proba con moita historia (video):
"A carreira pedestre Batalla de Cacheiras recuperará como a pasada edición a tradición de conmemorar os acontecementos sucedidos o 23 de Abril de 1846, xa que a súa proba absoluta e andaina discorrerán polos camiños por onde as tropas do xeneral de La Concha avanzaron para enfrontarse ó exercito sublevado liderado polo xeneral Solís. Camiños cheos de historia, de cultura, de paisaxes e arquitectura popular que atravesan as parroquias de Bamonde, Oza e Cacheiras no Concellos de Teo. Unha ruta lineal que comeza ó pé da reitoral de Bamonde e rematará no cumio de Montouto."
Os obxectivos serian:
  • Seguir co bo rendemento que estou tendo nas últimas probas.
  • Desfrutar da carreira si se pode xa que ten toda a pinta que vai tocar sufrir.
Unha vez que chego, guiado polo GPS do móbil, aparco nunha pista de terra pensando que alí estaba ben, xa que ía seguindo a outro coche que tamén aparcou alí e que tamén foi guiado polo GPS. Cando vou polo dorsal resulta que aparquei no percorrido da carreira, menos mal que alí non estorbaba.

Tras recoller o dorsal, voume cambiar xa que había que coller un bus para que nos levase ao lugar da saída. Vou co compañeiro que aparcou no mesmo sitio ca min e tras chegar a saída poñémonos a quecer un pouco, aínda que calor que estaba a facer, non había moitas ganas.

Colócome na saída na zona media, cara adiante pero sen estar nas primeiras filas xa que como imaxinaba que a carreira ía ser dura, ía haber tempo de recuperar, ademais os primeiros km's eran favorables.

Dáse a saída ao son das antigas armas de pólvora é arranco con moita precaución xa que pola zona que tiñamos que saír era unha zona estreita e a 150 metros tiñamos que facer un cambio de sentido.


Os primeiros metros perdín algún posto, xa que se cadra o tomei con moita precaución pero en canto se foi estirando o grupo e habendo espazo, comecei a marcar un ritmo forte e a recuperar moitos postos.

Tan rápido íamos que nunha das subidas en torno ao km 3, tras subir había que xirar a dereita e case todos fomos de fronte, por sorte viña o quad subindo tamén e mandounos dar a volta e seguir polo camiño correcto, aínda así pouco perdín xa que cando cheguei a ese punto xa estaban os de cabeza regresando e quedei nese grupo de cabeza intentando aguantarlles o ritmo pero pouco a pouco se me ían escapando.

Seguín marcando un ritmo forte, de momento ía aguantando ben a pesar de que xa estabamos subindo seguido. Todo foi ben ata o km 5 aprox. onde comezo a notar cansancio de tanto subir e comecei a mirar cara atrás para ver se tiña marxe e así era, por detrás estaban lonxe pero pouco a pouco acercándoseme xa que a cada rato volvía comprobar si se me acercaban os perseguidores.

A calor xa comezaba a facer estragos e notaba a boca moi seca, por sorte xa estabamos no avituallamento en torno ao km 6, collo auga e case afogo. Que mal se me da isto de beber correndo pero non quería perder nada de tempo, bebo como podo e tírome a auga por encima para refrescarme sen perder tempo.

Veume ven a auga xa que me notei con ganas de volver a os ritmos do comezo, o problema é que quedaba o máis duro da carreira. Tras pasar o cartel que avisaba do último km intento apertar un pouco máis pero de repente ao xirar a dereita, sorpresa, unha pendente na que tiñas que levantar a mirada para ver a onde ía dar e é que quedaba subir ao alto de Montouto pero aquela subida era talmente un cortafogos de trail e non din aguantado subir correndo e boteime a andar.
Nesa subida perdo varios postos pero unha vez superada a costa volvo a ir rápido aínda que non daba gañado ningún posto tiña que apertar xa que por detrás si que podía perder posición e chego a meta conservando a posición coa lingua fóra da dureza do último km.

O resultado final foi:
  • Posición xeral: 12º de 283.
  • Posición categoría: 2º 🏆
  • Tempo: 41:14 minutos
  • Ritmo: 4:35 min/km

Os obxectivos máis que cumpridos xa que dous anos despois do meu primeiro podio volvo a subir na mesma carreira pero con distinto percorrido polo que parece que me senta ben correr no concello de Teo. Consigo un 2º posto na categoría sénior que non contaba xa que unha vez rematei ía marchar pero o compañeiro que aparcara canda min díxome que fora mirar os resultados que non eramos moitos e tras mirar os resultados tocou subir ao podio, moi contento co resultado e o rendemento que tiven en carreira.


En canto a carreira, moi dura aínda que os primeiros km's son favorables podes pecar de forzar antes de tempo e chegar sen forzas para a última subida. Eu cambiaría o posto de avituallamento e poñeríao un km antes, quitando iso, carreira moi ben organizada con medalla para todos os participantes.

Información técnica:
  • Distancia: 9 km.
  • Desnivel +: 280 m.
  • Desnivel -: 76 m.

🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Lolo Penas Blanco ........................ 35:01
  2. Amador Pena Torreira .................. 38:37
  3. Miguel A. Nogueira Pérez ............ 38:37
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Tina Fernández Barreiros .............. 46:10
  2. Aurea Retamal Muñiz ................... 47:51
  3. Cristina Carril Boo ........................ 51:27

Tamén che pode gustar:

0 comments